publicidade hoxe

Frades convoca un obradoiro gratuíto de emprendemento na Rede dirixido a menores de 30 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesXuventude
A-
A+

O Concello de Frades convoca un obradoiro gratuíto de emprendemento na Rede dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos, que deberán anotarse no propio Concello ou chamando ao 981 695 567. Trátase dunha xornada formativa enmarcada no Programa Activa 2014, da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que pretende achegar á mocidade fradense as múltiples ferramentas que ofrece Internet para iniciar proxectos culturais, lúdicos ou incluso empresariais.

O obradoiro terá lugar o venres 14 de novembro, en horario de tarde, no multiúsos de Frades. Ao longo de dúas horas, os formadores do Programa Activa 2014 presentarán os diferentes recursos que ofrece Internet para promover, financiar e dar a coñecer os proxectos da mocidade, centrándose en dous deles: os blogs e o crowfunding. Os mozos e mozas de Frades formaranse sobre o uso dos blogs como referente informativo de calquera proxecto que se queira levar á práctica. Así abordarán contidos como as claves de calquera bitácora na rede, o decálogo que debe cumprir calquera blogger e de que maneira se pode aproveitar esta ferramenta para emprender.

Crowfunding

Pero se comunicar ben é importante, tamén hai que ter en conta o financiamento preciso para que as cousas vaian adiante. Por iso, os mozos e mozas de Frades achegaranse a unha das técnicas que máis se están empregando na actualidade: o crowdfunding ou o micromecenado a través da rede. Así, os alumnos e alumnas aprenderán a vender os seus proxectos e coñecerán páxinas temáticas e mecenas que lles poderán axudar no desenvolvemento das súas ideas de negocio.

Este obradoiro “Emprendemento dende a rede” forma parte dos cursos ofertados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia no marco do Programa Activa 2014.

20 de outubro de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.