publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo reivindica a importancia da Universidade Laboral como pioneira do novo modelo de ensino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCulleredoGaliciaLocal Portada
A-
A+
Feijóo na visita ao Centro Residencial Docente da Coruña. Foto: X. Crespo

Feijóo na visita ao Centro Residencial Docente da Coruña. Foto: X. Crespo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a importancia da Universidade Laboral como pioneira do novo modelo de ensino, que impulsa a Formación Profesional e estreita os vencellos co mercado de traballo. O mandatario autonómico visitou as instalacións da institución académica no municipio coruñés de Culleredo e participou nos actos conmemorativos do seu 50 aniversario.

Durante a súa intervención, Feijóo salientou o papel pioneiro que as universidades laborais de toda España desenvolveron mediante o fomento dun sistema de aprendizaxe baseado na implicación do estudante que constitúe o antecedente da actual Formación Profesional. Para o presidente da Xunta, “involucrar os alumnos é, posiblemente, o mellor xeito de que aprendan”; e todo modelo educativo debe asentarse nese espírito práctico. “A ensinanza teórica que non teña unha orientación cara á sociedade, cara ao mercado laboral é unha ensinanza incompleta. Se non somos capaces de conectar esas demandas, non estamos traballando con éxito no ámbito da educación”, aseverou.

Nese senso, o mandatario galego destacou o fomento da Formación Profesional nos últimos anos. “A sociedade galega, entre todos –dixo- fomos capaces nestes últimos catro anos de incrementar en máis dun 50% o número de prazas dispoñibles de FP na ensinanza pública. E un dos resultados disto é que xa levamos os tres últimos cursos nos que os alumnos de Formación Profesional superan aos alumnos de Bacharelato”.

O presidente da Xunta salientou que o obxectivo desta aposta é orientar o ensino cara ao mercado laboral, tal e como fixo a institución coruñesa ao longo destes cincuenta anos. Para seguir afondando nisto, Feijóo anunciou a creación dun viveiro de empresas nas instalacións de Culleredo, que lles permitirá aos alumnos desenvolver as súas capacidades emprendedoras e poñer en marcha os seus propios proxectos.

Por último, o presidente do Executivo galego tamén quixo reivindicar a importancia da educación obrigatoria como base do sistema educativo e o importante papel que desempeña o profesorado da parte do centro dedicada ao ensino secundario. Para seguir mellorándoo, Feijóo lembrou o comezo das obras do novo IES de Culleredo.

20 de outubro de 2014 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.