publicidade hoxe

Corsario VI, Ráfagas II e Piko Norte fixéronse coa primeira etapa na XII regata ensenada de Rianxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaRianxo
A-
A+
Un instante da regata

Un instante da regata

A quincena de embarcacións que se deron cita na ensenada rianxeira para tomar parte na primeira etapa atopáronse cun vento frouxo do NE, que por momentos apenas chegaba aos 5 nós. Con este panorama, o comité de regatas deu a saída puntual, ás 13:00 e montou a baliza de desmarque nas proximidades do espigón do porto de Rianxo, onde se apiñaban os curiosos para ver o espectáculo do paso por baliza e a inminente izada de spinnakers para pór rumbo á baliza do Seixo.

Cando a maior parte das unidades pasaron a baliza de desmarque e xa co spi arriba Eolo decidiu tomarse un descanso e durante algo máis de 20 minutos as embarcacións apenas conseguían manter os spinnakers inchados. Este foi o momento clave da regata, algúns barcos souberon aproveitar a escasa forza do vento e conseguiron chegar á altura da desembocadura do río, onde un vento do 60 refrescaba até chegar a uns 10 – 12 nós que fixo que o Corsario, Ráfagas, Sampaio e Piko Norte puxesen metro polo medio.

Despois de pasar o Seixo, un barlovento-sotavento esperaba á flota coa baliza da Aurora como baliza de barlo, pero as distancias xa eran demasiado grandes para os que viñan apertando por detrás. Tras o paso, de novo, polo Seixo, a flota puxo rumbo a Rianxo, en total 10,42 millas que deixan líderes ao Corsario VI, do LC de Villagarcia na clase regata, seguido polo Ziralla, de Ramón Barreiro.

En Cruceiro-Regata foi Ráfagas II, de José M. Carreira do C.N de Rianxo o que levou o gato á auga, que despois dunha magnifica regata e unha bonita pugna co Sampaio relegou a este á segunda posición. Terceiro foi o Arroás, de Jose Manuel Pombar, da E.V Mar de Arousa.

Entre os Cruceiros, vitoria para o Piko Norte, do pobrense Jose Manuel Castro, que xa a semana pasada gañou a regata á inversa en augas da Ria de Pontevedra, e parece estar moi en forma. Segundo foi o Fixius, do C.M de Villagarcía, que seguro lle porá as cousas moi difíciles ao Piko Norte, a terceira posición foi para o Orlando Mare, do C.M de Oza – O Puntal.

A seguinte etapa da XII Regata Ensenada de Rianxo – Trofeo E. Varela e Hijos disputarase o próximo 22 de Novembro con saída ás 13:00.

29 de outubro de 2014 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.