publicidade hoxe

Cores Tourís supervisa as obras do Plan Marco en varios camiños municipais en Crecente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCrecentePontevedra
A-
A+
Cores Tourís en Crecente

Cores Tourís en Crecente

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron nos camiños rurais de Ribeira e Quintela en Crecente, dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña da alcaldesa da localidade, Marisol Gómez.

As obras, que contaron cun orzamento de arredor dos 49.000 euros, consistiron na mellora dos camiños de Outeiro e Fillós en Ribeira e do camiño de Cabo de Aldea, na parroquia de Quintela.

En concreto, no caso do camiño de Outeiro, leváronse a cabo obras de roza e limpeza de cunetas e das marxes dos viais, así coma arranxo de fochas, dotación de capa de rodaxe con aglomerado en quente e colocación da barreira de seguridade. Nesta mesma parroquia de Ribeira executáronse traballos similares aos anteriores no camiño de Fillós.

En canto a pista de Cabo de Aldea en Quintela, dotouse á mesma de capa de rodaxe con aglomerado en quente e repuxéronse os servizos de saneamento.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca do Condado-A Paradana, investiranse ao longo do presente ano un total de 221.500 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial avanzou, ademais, que, para o exercicio 2014-15, o concello de Crecente contará con 96.360 euros de cara a afrontar novos traballos de mellora de camiños rurais.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Crecente para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Nos últimos anos, a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Crecente, o investimento en mellora de vías rurais superou os 770.000 euros en obras nos camiños de Quintás, Sendelle, O Seixal, Carreira e Boavista, en Albeos e en Outeiro.

20 de outubro de 2014 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.