publicidade hoxe

Comeza a execución dos aparcadoiros disuasorios de Moaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMoañaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de iniciar as obras de construción dos aparcadoiros disuasorios en Domaio e Broullón, no Concello de Moaña. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, acompañada polo alcalde de Moaña, José Fervenza, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitaron hoxe estas actuacións.

Cómpre lembrar que estas obras licitáronse no mes de xuño por máis de 435.000 euros, recibindo a instalación de Domaio máis de 151.000 euros e a de Broullón case 285.000.

Os aparcadoiros disuasorios pretenden fomentar o transporte público e as viaxes compartidas nas contornas metropolitanas, co obxectivo de avanzar cara unha mobilidade sustentable, e ir da man dos obxectivos marcados na estratexia de Europa 2020.

A directora xeral de Mobilidade sinalou que “o plan de aparcadoiros disuasorios forma parte dunha aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo desenvolvemento da mobilidade sustentable en Galicia”. As dúas instalacións suporán un importante beneficio para o Concello de Moaña, mellorando a calidade de vida de máis de 30.000 habitantes, que poderán acceder a estes espazos de xeito gratuíto.

No aparcadoiro de Domaio existirán 32 prazas de aparcadoiro (31 prazas normais +1 praza para persoas de mobilidade reducida). Deste xeito, porase en valor unha parcela de 1.500 metros cadrados na zona na antiga estrada PO-551, nas proximidades da glorieta de unión entre a estrada PO-551 e o Corredor do Morrazo.

No caso do de Broullón, na estrada CG-4.1 encádrase dentro da rede de Alta Capacidade e a PO-313, a construción deste modifica a intersección existente, resolvéndose cunha glorieta que facilita a entrada e saída ao aparcadoiro e permite a circulación fluída do resto dos viais. Esta instalación contará con 70 prazas normais e 2 prazas para persoas de mobilidade reducida.

Orzamentos da Xunta en Vigo

Helena de Lucas destacou “os case 1,5 millóns de euros que se reservaron nos Orzamentos da Xunta para 2015 para a implantación do Plan Metropolitano de Vigo e doutros 13 concellos, entre eles este de Moaña”. Engadiu que “estamos actualmente avanzando nas negociacións con todas as partes implicadas e coido que non hai proba máis clara da vontade da Xunta de poñelo en marcha que os Orzamentos.”

A directora xeral de Mobilidade explicou que “o transporte metropolitano é un sistema cheo de vantaxes: sociais, ambientais e económicas, permitindo aforros medios de 600 euros ao ano. Por iso, creo que poder ofrecer este servizo a case medio millón de habitantes da área metropolitana de Vigo é un obxectivo que ben paga a pena”.

Helena de Lucas puxo como exemplo que “na actualidade o traxecto de ida e volta de Vigo a Moaña, en transporte urbano máis o barco, custa 4,3 euros, que co servizo do transporte metropolitano reducirase a 2,56 euros”.

Por outra banda, Vigo será unha das oito comarcas nas que se vai implantar un plan de mobilidade sustentable urbano e interurbano. Consistirá no deseño e construción de sendas peoníns que permita que os cidadáns poidan acceder a lugares de referencia, como o centro de saúde ou os colexios sen necesidade de utilizar o vehículo privado e en condicións de máxima seguridade.

Estas actuacións complementarán de maneira importante as actuacións sobre as infraestruturas viarias, de maneira significativa o desdobramento do Corredor do Morrazo.

Os Orzamentos da Xunta, con 2,14 millóns de euros que se incrementarán nos seguintes exercicios, permitirán licitar e iniciar as obras en 2015. E dese xeito, esta obra, agardada e demandada, que actualmente está en fase de redacción dos proxectos construtivos, será o ano que vén unha realidade en marcha.

21 de outubro de 2014 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.