publicidade hoxe

“Bye Bye Honey” chega este sábado ao Edificio Multiusos de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMonforte de Lemos
A-
A+

O Edificio Multiusos de Monforte acollerá este sábado a representación teatral “Bye Bye Honey” a cargo da compañía “Obras Públicas”.

A obra tivo cinco nominacións ós premios teatrais María Casares, logrando finalmente os galardóns nas categorías de música orixinal (Carlos Mosquera “Mos”) e mellor actor secundario (Cesar Goldi).

Trátase dun espectáculo de teatro musical de “clase baixa”, denominado así polo entorno social onde se desenvolve.

Espectáculo duro, ácido e descarnado, como o lugar onde está ambientado e como a vida dos personaxes dos que fala, pero tamén coma na vida, no espectáculo hai tempo para o humor, para o amor e, por suposto, para a música e as cancións interpretadas en directo.

Ofrece unha galería de personaxes poucas veces trasladados ós escenarios. Un mundo que existe cerca de nós pero que rara vez temos a ocasión de contemplar en profundidade, fóra de tópicos e arquetipos.

“Bye Bye Honey” conta a historia de Marte, unha rapaza de barrio, que non é un anxo nin un demo, e que cando decide deixar a súa casa e a súa familia, comeza un camiño incerto e perigoso, rodeada por todas partes de “lumpen, pachanga e rock’n roll”.

José Prieto é o autor e director deste espectáculo teatral que conta cun recoñecido elenco artístico integrado por Carlos Mosquera “Mos”, César Goldi, Iolanda Muíños, Ramón Orencio, Fran Facal e Chechu Mosquera.

A representación desenvolverase no Edificio Multiusos, este sábado día 25 de outubro ás 20:00 h.

A entrada xeral ten un prezo de 5 €, mentres que para os estudantes, desempregados e xubilados o prezo será de 3 €.

A obra está incluída na Rede Galega de Teatros e Auditorios e a organización corre a cargo da delegación de Cultura do concello de Monforte.

21 de outubro de 2014 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.