publicidade hoxe

As Asociacións Veciñais da Coruña esixen que se depuren responsabilidades na ‘Operación Zeta’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e área metropolitana esixiu que se depuren responsabilidades tras a ‘Operación Zeta’, que investiga unha suposta fraude en cursos de formación.

Nun comunicado, asegura que levaba “anos” denunciando publicamente “a creación de asociacións pantasma coa única finalidade de captar fondos públicos” e, en concreto, sitúao a partir do ano 2011 “en barrios nos que xa existían entidades veciñais e que desde o primeiro momento foron perceptoras de diferentes convenios nominativos”.

Por outra banda, subliña a “obrigación” das administracións de conceder subvencións nas que se destinan fondos públicos para a realización de programas ou actividades concretas e afirma non entender “que ningunha administración descubrise a presunta fraude cometida”.

Por iso, esixe que se depuren responsabilidades a todos os niveis e de todas as persoas que se demostre que estean implicadas”. Ademais, reclama que devolvan “até o último céntimo ás arcas públicas”, engade.

A DEBATE EN PLENO

Mentres, desde a oposición, o Grupo Municipal de EU-V no Concello da Coruña reclamou que a ‘Operación Zeta’ sexa “un punto central da orde do día do seguinte pleno” e esixe “explicacións” ao rexedor coruñés, Carlos Negreira, sobre “os moitos favores que recibiu de Gerardo Crespo”.

Pola súa banda, o Grupo Municipal do BNG reclamou ao alcalde que “aclare” a que se refería “cando lle dixo a Crespo: Dáste conta? Encántame facer feliz ás persoas e ti que te sintas tan ben”, segundo sinala unha das mensaxes incluídas no sumario.

“A pesar do que queira dicir o alcalde, do sumario despréndese que era algo máis que unha relación de pura cortesía social ou de mero entendemento”, indican os nacionalistas.

30 de outubro de 2014 | 20:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.