publicidade hoxe

A Xuntanza de Palilleiras de Carral xuntará a 300 afeccionadas ao encaixe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarral
A-
A+

A Concellería de Cultura do Concello de Carral desenvolverá o vindeiro sábado 25 de outubro a sexta edición da Xuntanza de Palilleiras de Carral, na que está prevista a participación de 300 afeccionadas ao encaixe.

Este evento, que terá lugar no Pavillón Deportivo do Espiño, fronte á Casa da Cultura, comezará ás 11:00 da mañá coa recepción das palilleiras, facendo un descanso de 14:00 a 16:00 e rematando ás 19:00 h. A xuntanza está aberta ao público, que poderá gozar dos traballos que en vivo realizan as encaixeiras, así como dos produtos que ofrecen as múltiples tendas que terán presenza no Espiño. Tamén terá ocasión de desfrutar da actuación folclórica do grupo O Rueiro ás 13:00 h, e da actuación do Mago Dani ás 17:00 h.

Tanto participantes como público poderán ollar as exposicións que se organizarán. Unha delas corresponde a traxes rexionais de diversos lugares de Galicia e que contan con fermosos traballos de encaixe. Outra mostra estará formada por traballos da escola municipal de Teares e Tapices de Carral. Haberá tamén unha zona para visualizar unha proxección sobre as pasadas edicións desta xuntanza.

Para palillar están inscritos grupos de Carral, Oleiros, Arteixo, Camariñas, Sada, A Coruña, Noia, Lousame, Abegondo, Ames, Cervo, Xove, Rois, Viveiro, Mos e Burela. Está prevista a participación de mulleres e homes de todas as idades, desde nenas ata unha señora de 95 anos.

23 de outubro de 2014 | 11:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.