publicidade hoxe

A taekwondista Lúa Piñeiro participará no Grand Prix de Manchester

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A galega Lúa Piñeiro (-67 quilogramos) disputará o Grand Prix de Manchester (clase G4), que se celebrará do 24 ao 26 de outubro. Nesta competición participan so os 32 mellores do ránking mundial dos diferentes pesos olímpicos, polo que era unha proba especialmente complicada e fundamental na carreira cara aos Xogos Olímpicos de Río 2016. A nosa deportista viaxa con moitísima ilusión xa que son moitos os puntos que están en xogo para escalar posicións no ránking mundial. Estas últimas semanas estivo traballando moi forte na súa preparación e asegura que “as sensacións son boas. É un campionato de moito nivel onde calquera pode gañar xa que o nivel é máximo. Temos moitas ganas e esperemos poder poñer en práctica todo o traballo que levamos facendo sobre todo estes meses”.

Lúa terá hoxe a pesada e competirá o venres, primeiro día do torneo. A pesar da dificultade manifestou que “o obxectivo é o ouro, aínda que calquera posto no podio sería un magnífico resultado”. Está prevista a participación dun total de 237 atletas de 59 países. Neste listado figuran seis competidores masculinos e catro femininas gañadores da medalla de ouro en Xogos Olímpicos o cal amosa o altísimo nivel do evento. Por vez primeira utilizarase nun evento desta categoría os cascos electrónicos da marca Daedo, coa finalidade de garantir un arbitraxe xusto e sen erros.

23 de outubro de 2014 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.