publicidade hoxe

A selección española de balonmán xogará o primeiro partido de clasificación do Campionato de Europa en Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCangasDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+

presentacion-balonmanoA selección española de balonmán xogará en Cangas o día 29 de outubro (20:30 horas, Teledeporte) o primeiro partido da fase clasificatoria para o Campionato de Europa de Polonia 2016, fronte á selección de Austria.

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do evento no que estiveron presentes o alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a deputada provincial de Deportes Begoña Estévez; o concelleiro de Deportes de Cangas, Francisco Soliño; o presidente da Real Federación Española de Balonmán, Francisco V. Blázquez, e o presidente da Federación Galega de Balonmán, José Luís Pérez Ouro.

O presidente da Española, que obsequiou con camisetas dos Hispanos ás autoridades presentes, destacou o gran traballo que se está realizando en Galicia a favor do balonmán e pediu “o apoio de Cangas, Pontevedra e Galicia á selección para gañar este primeiro partido da fase clasificatoria fronte á dura selección de Austria”.

Blázquez lembrou que se comprometeu a traer á selección española no primeiro partido clasificatorio e “aquí está”. Ademais, manifestou a súa absoluta convicción de que “este será un dos mellores eventos deportivos que se celebren en España polo tremendo esforzo que está a realizar a Federación Galega e toda a xente do balonmán galego”. O alcalde de Cangas, José Enrique Sotelo, agradeceu o esforzo de todos para traer á súa terra este partido e só lamentou que “no cartel non estea un xogador de Cangas”, facendo clara referencia ao porteiro Rodrigo Currais “que está a chamar á porta da selección”.

O máximo mandatario local explicou que a selección durmirá en Cangas nun marco incomparable e diferente (A Casa de Aldán) e que van organizar un calendario de actividades para a expedición.

O secretario xeral para ou Deporte, José Ramón Lete Lasa, lembrou a importancia do balonmán en Galicia, tanto en número de practicantes, clubs, internacionais en todas as categorías… “e todo iso é posible grazas á paixón que pon niso a xente da federación e do balonmán galego en xeral”.

Begoña Estévez destacou que “ter á selección española é un orgullo para Cangas e confíamos en ver O Gatañal cheo” e fixo referencia á “gran aposta da Deputación polas Escolas Deportivas de Balonmán, que son as máis numerosas, ao mover a case 3.000 nenos e nenas”. Por último, o presidente da Galega, José Luís Pérez Ouro, cre que “o feito de que a Española apostase por traer aquí á selección non é máis que un reforzo ao traballo inxente que se está facendo en Galicia” e manifestou a súa satisfacción ao destacar que “case o 40% das licenzas galegas son femininas e segue crecendo”.

Venda de localidades

As entradas para o partido pódense adquirir desde hoxe na páxina web do BM Cangas (www.balonmancangas.com) ao prezo de 13 euros e sen custo algún de emisión. Ademais a partir do luns tamén poderán comprarse as localidades nos despachos de billetes ao mesmo custo, mentres que o día do partido o prezo será de 15 euros. Así mesmo establécese unha entrada para persoas menores de 20 anos, que terá un custo de 7 euros (venda anticipada) e 9 (despachos de billetes, o día do encontro).

16 de outubro de 2014 | 10:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.