publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A praza de abastos de Ribadeo mellora as súas instalacións para dinamizar o comercio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRibadeo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe a Praza de Abastos de Ribadeo, na que están próximas a rematar as obras de mellora que financiou a Consellería de Economía e Industria e que afectaron á estrutura, cuberta e exteriores.

Arias subliñou que a Consellería apoiou cun total de 49.500 euros nestes traballos ao abeiro dunha liña de colaboración cos concellos que supuxo para a comarca un orzamento global de 63.900 euros, xa que tamén financiou a reordenación e mellora do mobiliario urbano da Praza Pardo de Cela de Foz e os stands para exposición de produtos do mercado ambulante no Valadouro.

A delegada subliñou a importancia de mellorar os equipamentos públicos comerciais municipais “por canto constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio”, e moi especialmente as prazas de abastos “pola súa capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor e por ser unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco”.

A obra realizada no mercado de Ribadeo consistiu na substitución de parte dos piares e da cimentación que estaban deteriorados e a remodelación da cuberta do edificio, na que se instalaron unhas chapas de cubrición traslúcidos en lugar das existentes de fibrocemento, co que se mellorou a estanquidade do teito e facilítase unha mellor iluminación natural do edificio.

No exterior, fíxose un lavado a presión da fachada do edificio e a continuación procedeuse de novo ao pintado, co que se concluíu unha mellora moi importante neste centro comercial que conta con máis dunha decena de postos.

A delegada destacou a aposta da Xunta de Galicia polo comercio de proximidade, apoiando aos comerciantes con axudas directas e fomentando o asociacionismo “como a mellor vía para ser competitivos”.

Así, lembrou que no presente exercicio Industria leva destinados preto de 190.000 euros ao comercio da Mariña, destinados tanto á mellora de infraestruturas como ao desenvolvemento de accións de dinamización.

Neste sentido, Industria concedeu apoios por preto de 188.000 euros ás asociacións para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos da Mariña. Á propia asociación da praza de abastos de Ribadeo concedéronselle 9.800 euros, que se suman aos 40.000 que percibiu Acisa Ribadeo para o funcionamento do Centro Comercial Aberto. Idéntico montante foi outorgado ao Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, mentres que A Mariña Federación, que engloba a todas as asociacións de comerciantes da comarca, concedéronselle case 34.000 euros para accións de promoción.

28 de outubro de 2014 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.