publicidade hoxe

A Oficina de Orientación Laboral de San Sadurniño érguese como unha das mellor valoradas pola Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Oficina de Orientación Laboral de San Sadurniño obtivo a quinta mellor puntuación de Galicia na convocatoria de subvencións autonómicas para o mantemento deste tipo de servizos por parte dos concellos. O plan de traballo presentado por San Sadurniño alcanzou os 90 puntos, situándose desta maneira por diante doutros 121 concellos de Galicia, algúns deles tan importantes como Ferrol, A Coruña ou Narón. A puntuación suponlle a San Sadurniño unha achega económica de 20.000 euros procedentes do Fondo Social Europeo. Ademais, o servizo será en breve un novo punto acreditado pola Xunta para a obtención do Carné Xove.

O traballo da oficina é facilitar información sobre o mercado laboral e promover actuacións de todo tipo que axuden a entrar nel. Cousa difícil nos tempos en que estamos e máis aínda nunha comarca coma a nosa onde continúan pechando empresas mentres outras capean o temporal como poden. Con todo algunha cousa sempre vai habendo e a cuestión é dar con ela. Aí entra a Oficina de Orientación Laboral. O servizo está en permanente contacto co tecido empresarial de toda a volta, revisa as plataformas dixitais de ofertas e está atenta a todo o que salte para ver se hai algunha persoa da súa base de datos que encaixe nun perfil determinado. No que levamos de 2014 atoparon traballo a través da oficina un total de 12 persoas.

Porén os esforzos da Oficina de Orientación Laboral tamén se centran na formación. Moita xente que está no paro aproveita para prepararse mentres busca traballo e, neste sentido, o servizo ofrece varias posibilidades en colaboración con outros departamentos municipais, como poden ser o de Igualdade, o de Desenvolvemento local ou a aula CeMIT. Unha das propostas que máis aceptación ten é a ensinanza de idiomas por ser claves no currículo e máis aínda se se quere ir traballar ao estranxeiro. Desde 2013 participaron nos cursos de idiomas un total de 80 persoas, que tiveron a posibilidade de mellorar a súa competencia lingüística en galego, inglés e mesmo iniciarse no alemán e no chinés. 

No ámbito formativo desde a oficina tamén se asesora sobre como obter titulacións por libre ou retomar ensinanzas que quedaron a medias pero que agora son imprescindibles para atopar traballo nun mercado tan escaso como competitivo. Ademais, o servizo -como di o nome- orienta a quen quere reconducir a súa vida profesional ou a quen non ten moi claro aínda cal é o seu potencial. Por iso unha parte importante do traballo da oficina pasa pola análise das habilidades sociolaborais, a motivación e a busca de posibles alternativas, como pode ser a incorporación ao sector primario.

A Oficina de Orientación Laboral sostense con financiamento do Fondo Social Europeo canalizado a través da Xunta de Galicia. Na convocatoria de finais de 2013 -a que prové fondos para o exercicio de 2014- o proxecto presentado por San Sadurniño obtivo 90 puntos -20.000 euros-, o que o sitúa no quinto posto dun total de 126 propostas presentadas por concellos, consorcios e mesmo deputacións.

O servizo atende en horario de mañá nunha sala situada no baixo do Concello ao pé do salón de plenos con acceso desde o patio ou desde os xardíns para persoas con mobilidade reducida. A técnica está case sempre de luns a venres entre as 9 e as 14 h., aínda que hai días en que se despraza ao Concello da Capela para atender alí citas concertadas previamente polo Servizo Público de Emprego de Galicia. Para contactar coa Oficina de Orientación Laboral pódese chamar ao 981 490 027 (ext. 2). Outra opción para estar ao tanto das ofertas laborais é a través do seu perfil en Facebook.

Carné Xove

Un dos novos servizos que ofrecerá a oficina será o de tramitar o Carné Xove. Trátase dunha tarxeta para a mocidade que dá acceso a descontos en compras e actividades de lecer en Galicia, no resto do Estado e incluso noutros 40 países europeos. 

A Dirección Xeral de Xuventude deu a coñecer a noticia hai escasos días, aínda que de momento San Sadurniño non dispón do material necesario para cursar as peticións. Agárdase poñer en marcha en breve esta posibilidade da que se beneficiarán mozos e mozas entre os 12 e os 30 anos.

31 de outubro de 2014 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.