publicidade hoxe

A galega contaxiada por ébola recoñece que temeu pola súa vida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáGalicia exteriorLugoSucesos
A-
A+
Europa Press

A auxiliar de enfermaría contaxiada por ébola, Teresa Romero, recoñeceu este martes que temeu pola súa vida, despois dos días máis críticos que pasou ingresada no Hospital Carlos III de Madrid, segundo explicou a voceira da familia, Teresa Mesa, tras acudir ao centro.

“Houbo un momento que pensaba que morría”, dixo ante os medios de comunicación Mesa, quen explicou que lle realizaron a segunda proba para descartar que siga co virus no organismo, e que se dá negativo, algo que se saberá pola tarde, mañá será trasladada a planta, ou ben á quinta, ou a outro cuarto da sexta, onde se atopa agora illada.

A voceira sinalou que o seu marido, Javier Limón, está “moi contento”, que recibirá a alta a semana que vén, o día 27 ou o día 28, e que xa ten un avogado para emprender as accións legais que considere oportunas en relación coa xestión de todo o asunto da súa muller.

En canto a Teresa, explicou que volveu sinalar que non recorda dicir que se rozara coa luva o rostro, ao que Mesa engadiu que no seu estado “podía dicir que si a todo”. Insiste en que “o que fixo, o fixo ben”, indicou Mesa, quen destacou que a auxiliar se vai mostrar “colaboradora” co comité de expertos sobre unha posible colaboración para investigar sobre a elaboración de soro e que se atopa “moi agradecida” ao traballo do equipo médico e a atención dos médicos.

“Ela insiste en que o que fixo, o fixo ben. Non ten noción de facer nada malo”, agregou Mesa para detallar, en referencia á posibilidade de tocar a cara cunha luva, que no estado en que se atopaba, con medicación, “podía dicir que si a todo”. “Ela non é dona de si, estaba a alucinar, podía dicir que si a todo”, apostilou.

A voceira da familia explicou que Teresa Romero era consciente da súa gravidade e que “houbo un momento que pensaba que morría”. “Pero logo dixo non, eu non teño que morrer, eu teño que saír adiante”, agregou para ilustrar a “fortaleza interior” da auxiliar de enfermaría de cara a superar a enfermidade.

Mesa detallou que o venres se lle retirou a medicación, que o domingo se lle realizou a proba PCR sobre o virus que deu negativo e que hoxe se lle realizou a segunda proba e que a familia está á espera dos resultados.

a voceira da familia comentou que se, segundo o previsto, esa proba volve dar negativo, o equipo médico ten a intención de “pasala a planta mañá”, que podería ser a quinta (agora está ingresada na sexta) ou nun cuarto da actual planta na que está.

“MOMENTOS DE DESESPERO”

Mesa subliñou que Romero se está a recuperar “moi ben” e que “está animada” sobre a súa recuperación, aínda que tamén ten “momentos de desespero”. Ademais, confirmou que xa fala todos os días co seu marido, que tamén se mostra “moi contento” pola súa evolución. “Están moi ben”, apostilou.

Tamén explicou que os médicos consideran que non lle vai quedar ningunha secuela e que a auxiliar de enfermaría é “moi forte”, o que afonda na súa “recuperación espectacular”.

Á parte, comentou que a súa intención é doar plasma para que se utilice como soro contra o virus. Por outro lado, mostrouse agradecida coa irmá Paciencia pois é consciente de que o soro realizado co seu sangue lle foi administrado.

Detallou, ademais, que Teresa Romero está “un pouco ausente” e dubida que poida atender aos medios de comunicación cando sexa dada de alta. Non obstante, a intención do seu marido é facer unha rolda de prensa para explicar a súa situación.

Mentres, engadiu que a auxiliar de enfermaría non é consciente do número de persoas en vixilancia ou ingresadas por ter contacto con ela.

21 de outubro de 2014 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.