publicidade hoxe

A FIG acollerá un Festival contra o Cancro que reunirá a artistas de renome en Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaSilleda
A-
A+

cartel-festival-contra-cancer-silledaO sábado 8 de novembro celebrarase en Silleda o Festival contra o Cancro, gran cita que reunirá a grandes artistas no recinto Feira Internacional de Galicia.

Esta cita, en apoio á Asociación Española contra o Cancro (AECC) no Deza e a súa I Comida Solidaria, presentada aos medios a pasada semana, contará con actividades desde a mañá do sábado até altas horas da madrugada, todo co fin de apoiar o seu labor e atraer ao maior número de asistentes para esta gala benéfica, organizada pola Fundación Semana Verde de Galicia.

Durante toda a xornada poderase gozar no pavillón 2 da Feira Internacional de Galicia das actividades lúdicas de Turnativa, onde os asistentes poderán participar en actividades como karting, tirolinas, paintball, rocódromo e inchables para os máis pequenos da casa.

I COMIDA SOLIDARIA DA AECC NO DEZA

A I Comida Solidaria da Asociación Española contra el Cáncer (AECC) no Deza, terá lugar nos salóns do edificio arrendado no recinto feiral pola empresa Airas Cátering (Freire Chico) o pasado mes de setembro.

Esta firma de restauración, que desde o mes de setembro ten funcionando este centro como a súa segunda Cociña Central, especializada na liña de produción en quente, pretende deste xeito sumarse á causa, posibilitando que a comida se celebre nun espazo de maiores dimensións que o establecido inicialmente para celebrala.

Así, ante a previsión de que acudan polo menos 200 persoas, o evento terá lugar nuns salóns que permitirán unha maior comodidade a todos os asistentes ao ágape.

Ademais, a empresa Airas Cátering será un dos patrocinadores do Festival Contra el Cáncer que organiza nesa mesma xornada a Feira Internacional de Galicia, a cal para a comida aportará o mobiliario para acomodar aos comensais e o enxoval para servir e degustar o menú.

Esta comida, que será presentado polo periodista Fidel Fernán, ofrecerá un menú consistentes en sopa, cocido e sobremesa, pero ademais contará co sorteo de agasallos e unha sesión de baile na que actuarán o DJ silledense Sanse, a cantante Sabela e o grupo de Merza Sons da Mina.

As entradas para acudir poden retirarse nos CIM (Centro de Información ás Mulleres) dos Concellos da comarca, nas oficinas da Fundación Semana Verde de Galicia e a través do número de teléfono 616 182 320.

ARTISTAS DO CARTEL

A partir das 22.30h no pavillón 1 da Feira Internacional de Galicia comezarán os concertos do Festival contra o Cancro que contará coas actuacións de grandes artistas da música española, que repasarán os temas máis importantes que lles levaron á fama nas douradas décadas dos anos 80-90: Javier Gurruchaga (da Orquestra Mondragón), o gran showman mediático Pablo Carbonell (líder de Los Toreros Muertos), Nacho Campillo (de TamTamGo), Javier Ojeda (de Danza Invisible), Pepe Begines (de No me pises que llevo chanclas), Teo Cardalda (de Cómplices) e Carlos Segarra (de Los Rebeldes). Todos estes artistas tocarán os hits que lles fixeron consolidarse como iconos do panorama musical español, e estarán acompañados dunha mesma banda formada por grandes músicos do noso país. O broche a estes concertos porao o DJ Juan Rivas, cuxo amplísimo repertorio fará que o público non pare de bailar toda a noite.

Os concertos correrán a cargo de artistas de primeira liña do panorama musical español, como son:

Javier Gurruchaga, cantante, actor e presentador español, que lidera a coñecida banda La Orquestra Mondragón, unha das formacións musicais pioneiras na fusión da música e o teatro en España, ofreceranos na gala os temas máis lembrados da banda.

Pablo Carbonell é actor, músico, showman, escritor, director e…. o que faga falta! Ademais de multiples facetas está implicado no mundo da música, onde ademais dos seus tempos con Los Toreros Muertos (que estarán de xira durante o 2015 en España), nos últimos anos publicou varios álbums coa discográfica 18 chulos, como “Aceitunas y Estrellas” no 2000, “Rock’n roll Alimña” en 2004 e o seu último álbum co que se atopa actualmente de xira, “Canciones de cerca”.

Nacho Campillo sempre respirou música e ademais doutros grupos de importancia, liderou o coñecido grupo TamTamGo! cuxas cancións xa están na historia do pop español. Na actualidade continúa a súa andaina en solitario, cultivando grandes éxitos alá por onde pasa.

Javier Ojeda, líder vocal do grupo de pop español Danza Invisible, cuxa traxectoria musical estivo durante 25 anos asociada ao nome desta banda, moi popular en España.

Pepe Begines, é o creador, xunto co seu grupo No me pises que llevo chanclas, do peculiar estilo musical chamado “agropop”, que gozou nos seus anos en activo de gran popularidade en España, realizando máis de 2.000 concertos.

Teo Cardalda, quen comezou na música co grupo Golpes Bajos, continúa na actualidade coa súa seguinte aventura musical Cómplices: Es por ti, Los tejados ou El marido de la peluquera son algunhas das súas cancións máis coñecidas.

Carlos Segarra, é o líder da banda rocker Los Rebeldes e está considerado como un dos máis emblemáticos e pioneiros do movemento rockabilly español.

O broche a estes concertos porao o DJ Juan Rivas cuxo amplísimo repertorio fará que o público non pare de bailar toda a noite.

Coas actuacións de todos estes artistas, creadores de cancións que xa están na historia do pop/rock español, poderemos gozar o próximo 8 de novembro dunha gran gala, que sen dúbida nos fará cantar, bailar e lembrar eses anos dourados dos 80-90, na que cada artista cantará os seus hits de sempre e de agora.Grandes artistas que á vez son grandes amigos. Bo rolo e himnos, unha combinación que asegura que se vivirá unha gran festa para todos os que asistan ao recinto Feira Internacional de Galicia de Silleda o día 8 de novembro.

FESTIVAL CONTRA O CANCRO

Desde a Fundación Semana Verde de Galicia nace esta iniciativa en apoio ao gran labor e actividades que levan a cabo desde a AECC, actividades como o apoio médico aos pacientes; cobertura en aspectos materiais que melloren a calidade de vida dos afectados, pisos e residencias en distintos puntos da xeografía española para os enfermos ou a firma dun convenio que permitirá aos pacientes de cancro obter un cartón identificativo que lles posibilite utilizar as áreas de aparcadoiro reservadas a persoas cunha discapacidade nos centros sanitarios, entre outras moitas actividades.

Para apoiar esta iniciativa, a Fundación Semana Verde de Galicia, en colaboración coa asociación AECC organiza este festival, co fin de dar a coñecer aínda máis o labor da asociación e tamén a contorna do recinto Feira Internacional de Galicia, como un espazo de música cunha programación que faga gozar a todos os asistentes.

21 de outubro de 2014 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.