publicidade hoxe

A Feira Internacional de Galicia acollerá o Fórmula Rallye o 13 e 14 de decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaSilleda
A-
A+
Presentación da Fórmula Rallye

Presentación da Fórmula Rallye

O recinto Feira Internacional de Galicia acollerá os días 13 e 14 de decembro o Fórmula Rallye 2014, unha proba automobilística que foi presentada esta mañá nas instalacións feirais e que supón o primeiro dos eventos do motor en cuxa organización colaborarán a Fundación Semana Verde de Galicia e a empresa Eventual Sports, tras o convenio asinado por ambas entidades.

No acto de presentación participou Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, quen destacou o Fórmula Rallye como “o inicio dos eventos das catro e dúas rodas” na Feira Internacional de Galicia, debido a que en Galicia existe unha gran afección e a que o recinto conta con condicións para elo. Ademais, fixo fincapé no obxectivo da Fundación de contactar, para o desenvolvemento de actividades de calidade e economicamente viables, con entidades que teñan os coñecementos axeitados en calquera sector para establecer acordos con elas, en termos semellantes aos chegados con Eventual Sports.

Así mesmo, estiveron presentes Amador Vidal, piloto que ocupa actualmente o primeiro posto no Campionato de España de Rallyes de Terra, quen dixo que espera acudir como campión de España e que este evento sexa un éxito; e tamén Antonio Rodríguez Troitiño, representante de Eventual Sports, o cal detallou as particularidades dunha proba que pretende “dar espectáculo ao público” e subliñou o atractivo que supón que parte do evento se celebre en interior, algo moi pouco habitual, e tamén a presenza de destacados pilotos, cuxos nomes se están pechando.

O Fórmula Rallye 2014, que se desenvolverá ao longo de dous días, celebrará na súa primeira xornada mangas clasificatorias nas que os mellores de cada clase se clasificarán para o segundo día, cando se disputarán as finais. Destas saíra o podio.

A proba, que dará cabida ás categorías de tracción total, dúas rodas motrices e prototipos, discorrerá por un circuíto no que nas mangas finais correrán dous participantes á vez e que contará con máis de 30.000 metros cadrados, dos cales 10.000 serán dentro do pavillón 1 do recinto e os restantes no exterior.

Os interesados en inscribirse e coñecer os horarios desta primeira edición do Fórmula Rallye deberán acceder á web da Federación Gallega de Automovilismo, se ben o evento tamén contará cunha páxina propia (www.formularallye.com) para informarse sobre os seus pormenores, como os puntos de venda das entradas, as cales terán un prezo de 15€ para as dúas xornadas e poderán adquirirse a partir de finais da semana que vén.

Participación de pilotos de prestixio

O Fórmula Rallye 2014, que aspira a ser unha cita con continuidade e de referencia para pilotos e afeccionados, espera contar coa participación de recoñecidos pilotos, como o campión galego da modalidade de Rallyes, os campións de España de Rallyes de Asfalto e de Terra, algún campión rexional de comunidades limítrofes e tamén cun piloto de fama internacional, incluíndose nas negociacións a Mäkinen, Kankunnen e Panizzi.

31 de outubro de 2014 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.