publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación da Coruña concede 69.000 euros á última fase da residencia para persoas con discapacidade de Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOrtigueira
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá a sede de Aspromor (Asociación Prominusválidos do Ortegal) en Ortigueira para asinar co presidente da asociación, Fernando Nieto Cortijo, un último convenio para rematar a residencia para persoas con discapacidade.

A través deste acordo a institución provincial facilitará 68.847,48 euros para financiar o 30,55% do orzamento total para a construción da área reservada a persoas con deficiencias intelectuais moi graves. Inclúense aquí traballos de albanelería, pavimentos, carpintería interior, fontanería e electricidade, entre outros. Está previsto que dispoña de cinco habitacións dobres e diversas estancias comúns. 

Esta achega súmase aos 300.000 euros que xa entregou a Deputación para as fases anteriores do proxecto e que permitiron erixir tanto a estrutura do edifico como o primeiro andar.

Visita ás instalacións

Nesta visita, Diego Calvo tivo a oportunidade de coñecer de primeira man tanto o avance das obras que están actualmente en marcha, como da unidade de día que está en funcionamento. Alí os usuarios desenvolven obradoiros como o de reciclado de plásticos ou de algodón de fregonas que lles permite estar activos.

En canto ás obras, Aspromor calcula que todos os traballos estarán rematados no primeiro trimestre de 2015 e dedicará ese ano a adecuar e equipar a residencia para que estea funcionando na súa totalidade en 2016.

Tras comprobar os resultados, Diego Calvo recoñeceu a Aspromor o gran labor que realizan e destacou o feito de que apostasen por un proxecto viable. “É un exemplo de como hai que traballar, paso a paso e con sentidiño”, declarou o presidente da Deputación en referencia a que a obra se fixo por fases e asegurando a viabilidade futura das instalacións, segundo o número de usuarios que ían ter: “Porque sacades proxectos viables en tempos de crise”, insistiu o portavoz.

O titular provincial ademais, comprometeuse a seguir colaborando con esta asociación para o seu bo funcionamento no futuro. En total o organismo provincial fíxose cargo do 20% de todo o proxecto, feito polo que o presidente da asociación mostrouse moi agradecido coa Deputación.

Por último e grazas aos talleres de reciclaxe que desenvolve Aspromor, Calvo invitounos a participar no I Encontro entre Empresas e Concellos que terá lugar en Expocoruña os días 26, 27 e 28 de novembro.

Centro único na zona

Este novo centro, único destas características na comarca de Ortegal, dará servizo a unhas 48 persoas non só de Ortigueira senón doutros concellos como Cariño, Mañón ou Cerdido, e incluso das Pontes.

Unha vez rematadas, as instalacións disporán de centro de día e centro residencial para dous tipos de afectados: persoas con discapacidade intelectual adulta e persoas con discapacidade gravemente afectadas (PDIGA) e que polo tanto teñen necesidades de apoio extensas e xeneralizadas en situación de dependencia.

24 de outubro de 2014 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.