publicidade hoxe

A Biblioteca de Verín volve a ser premiada na Campaña de Animación á Lectura María Moliner

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseVerín
A-
A+

A Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín resultou premiada, por sexto ano consecutivo, na ‘XVI Campaña de Animación á Lectura María Moliner’, co proxecto ‘Voluntariado cultural para o fomento da lectura’, polo que recibirá un lote bibliográfico composto por 180 libros infantís e xuvenís, seleccionados entre as novidades de cada ano.

Este concurso está dirixido aos municipios de menos de 50.000 habitantes para premiar os mellores proxecto que inclúan accións de animación á lectura, eficiencia e labor bibliotecaria, integración social na comunidade así como a utilización das novas tecnoloxías. A Campaña de Animación á Lectura está organizada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte coa Federación Española de Municipios e Provincias, coa colaboración da Fundación Coca-Cola Juan Manuel Sáinz de Vicuña. Nesta edición resultaron premiados un total de 300 proxectos, que recibirán lotes bibliográficos, ademais os tres mellores proxectos reciben premios en metálico de 12.000 euros. Nesta ocasión foron tres as bibliotecas galardoadas na provincia de Ourense: Muíños, Pereiro de Aguiar e Verín.

No caso de Verín, o proxecto ‘Voluntariado cultural para o fomento da lectura’ recollía todas as actividades previstas no ano 2014, no que se programaron un total de 51 actividades (aínda que ao final resultarán máis) culturais e lúdicas, para nenos/as con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos, e adultos, efectuadas por persoal da instalación e voluntarios/ as, con idades que oscilan entre os 10 e 67 anos. Entre as mesmas atópanse contacontos e manualidades, Bibliopiscina, exposicións, presentacións de libros, BiblioRúa, concursos de narrativa e patrimonio, cursos de informática, encontros con escritores, videoconferencias ou visitas guiadas para centros educativos.

A Biblioteca Pública Municipal de Verín conta na actualidade conta con máis 2.830 socios/as dos que 284 se sumaron a este servizo municipal ao longo do 2014. Unha cifra á que deben engadirse o número de préstamos totais realizados durante todo o ano 2014, que foron 4.118 (os libros máis prestados foron Dispara, ya estoy muerto, La isla de las mil fuentes, Memento Mori, El grito de la tierra, La isla de las mariposas, Palmeras en la nieve, Misión Olvido, El hipnotista, La boda de Kate, La hija de la criada ou A praia dos afogados).

A realización de todas estas iniciativas permitiron a Biblioteca de Verín acadar, por sexto ano consecutivo Campaña de Animación á Lectura María Moliner, así como numerosos recoñecementos nacionais e internacionais de distintas organizacións como a Embaixada de Chile en España, Federación de Fútbol, Fundación Antena 3; ademais de ser nomeada como como Biblioteca Asociada pola UNESCO, asentándose no cumprimento de todos os principios de fomento da lectura, desenvolvemento da cultura, solidariedade-voluntariado e cooperación con distintas entidades, e lograr o premio á Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas no ano 2011, concedido pola Federación de Gremios de Editores de España.

31 de outubro de 2014 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.