publicidade hoxe

A Baña xa conta con instalación de biomasa para un aforro enerxético dun 60%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Baña
A-
A+

As caldeiras de biomasa nos edificios públicos da Baña que albergan a Casa de Cultura e a Escola Municipal de Música xa están instaladas. A empresa Cimbra Contacts encargouse de acometer o proxecto nas últimas semanas. O proxecto de aforro enerxético será xustificado mañá venres, último día de outubro. E a obra pode darse por finalizada. O Concello da Baña puxo en marcha este plan de aforro enerxético nestes dous edificios públicos, ambos os situados no centro urbano de San Vicenzo da Baña, para impulsar o aforro enerxético.

O Goberno municipal estima que ese aforro enerxético e, en consecuencia, económico, roldará entre o 60 e o 70%. Como o conseguirá? Pois a través da instalación das novas caldeiras de biomasa, que xa substitúen ás antigas. A calefacción na Casa de Cultura, un edificio á beira da Igrexa das Dores, era de gasóil. E a da Escola Municipal de Música, nun edificio tamén próximo á sede do Concello, funcionaba a través de enerxía eléctrica. O Concello da Baña, unha vez que recibiu a aprobación do proxecto por parte do Inega, comezou a acometer as obras.

O investimento foi de 42.000 euros. A Casa de Cultura conta xa cunha caldeira de biomasa dunha potencia de 42KW e un silo de 4.000 litros. Pola súa banda, a Escola Municipal de Música ten unha nova caldeira de biomasa de 65KW e un silo para almacenar biomasa de 6.000 litros. O proxecto conta con dous anos de garantía. O Concello da Baña aposta pola xestión responsable dos recursos e por iso impulsa plans de aforro enerxético. Xa acometeu tamén plans de aforro enerxético nas instalacións deportivas.

30 de outubro de 2014 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.