publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Audiencia de Ourense absolve o profesor de Celanova xulgado por seis delitos de abusos sexuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaOurensePortada esquerdaSucesos
A-
A+

A Audiencia Provincial de Ourense absolveu o profesor de Celanova xulgado a pasada semana por seis delitos de abusos sexuais a varias alumnas, un xuízo que se celebrou a porta pechada e no que prestaron declaración unha trintena de persoas.

   A sentenza, dada a coñecer polo Tribunal Superior de Xusticia de Galicia, indica que, tras valorar “en conciencia” a “abundante” proba despregada no xuízo, “non se obtivo a convicción de que os feitos aconteceran tal e como se relata nos respectivos escritos” das acusacións pública e particular.

   Así mesmo, a Sala considera que a proba de cargo achegada por ambas as dúas acusacións “non foi suficiente para desvirturar o principio de presunción de inocencia” que ampara calquera acusado.

   A sentenza detalla as “dificultades de valoración” das probas, pois partiron de “dous bloques” de versións “absolutamente contraditorias”. Así, por un lado esta a nai dunha das menores que denunciou posibles abusos sexuais, xunto co testemuño das menores e, por outro, o do propio acusado “que, aínda que asume que era especialmente afectuoso” cos seus alumnos e alumnas, “nega que tales abusos acontecesen”.

   Segundo a resolución xudicial, os relatos sobre tocamentos concretos e bicos na boca non coinciden, pois os que algunhas menores explicaron que aconteceron a outras compañeiras eran negados logo “rotundamente” por estas, e, ademais, “todas as menores admiten e asumen que o acusado era un bo profesor”.

   No mesmo sentido, a sentenza detalla que a “verosimilitude” tamén queda en entredito, pois “os relatos das menores carecen de corroboracións periféricas” por dous motivos. O primeiro, porque non houbo “afectación psicolóxica constatable”, e o segundo porque “non foi posible elaborar un ditame sobre credibilidade” sobre os seus testemuños. Por todo iso, a sala da Audiencia conclúe que os feitos “non resultaron acreditados”.

“EXTRALIMITACIÓN EFUSIVA”

   No mesmo sentido, a Sala di non se pode concluír que o acusado Manuel A.G, “fixese a ningunha das súas alumnas vítima de tocamentos con significante sexual”, nin considera que a posible “extralimitación efusiva” que puido acontecer sexa un acto tendente “a satisfacer un propósito lascivo, non factible á luz da proba practicada”, o que aboca á Audiencia, segundo o texto, a un pronunciamento absolutorio.

   Esta sentenza non é firme, senón que admite recurso de casación, ante a sala segunda do Tribunal Supremo, presentado nos cinco días seguintes á notificación da sentenza.

   O caso do profesor de Celanova partiu dunha denuncia ante a Garda Civil en abril de 2012. Os feitos investigados en instrución derivaron na acusación por parte do Fiscal, atribuíu ao docente seis delitos de abusos sexuais cometidos contra alumnas de quinto de primaria. Por eles, pedíalle unha pena de 30 anos de prisión en conxunto, afastamento e prohibición de impartir docencia a menores durante 5 anos.

15 de outubro de 2014 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.