publicidade hoxe

A Asociación de Empresarios de San Cibrao compromete a defensa do Enlace coa Autovía A‐52

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Cibrao das Viñas
A-
A+

A defensa do Enlace entre o Polígono de San Cibrao e a Autovía A‐52 polarizou esta tarde a Asemblea Electoral na que Elías Mera foi reelixido como presidente da Asociación de Empresarios para un novo período de catro anos. A súa candidatura foi a única que concorreu ás eleccións.

Na súa intervención tras o apoio unánime recibido das empresas asociadas, asegurou que “ningún político, nin ningún técnico, poden negar que o Enlace é unha absoluta prioridade entre as obras públicas desta provincia, e mesmo entre as infraestruturas do conxunto de Galicia. Non podemos aceptar que o maior polígono de Ourense, e un dos principais de toda a comunidade galega, sexa dos poucos que aínda non ten unha conexión directa cunha vía de alta capacidade”.

Elías Mera considerou “unha decepción” a reducida cantidade ‐237.000 euros‐ consignada para o proxecto nos Orzamentos da Xunta para 2015: “Por terceiro ano consecutivo, a partida prevista ten pouco máis que valor testemuñal e, na práctica, significa que a obra permanecerá aparcada outro ano máis. A realidade dinos que non haberá movemento de terras, como moi pronto, até 2016, e que non haberá asfalto nin sinalización posiblemente ata 2018. Somos conscientes de que os ritmos das Administracións son diferentes aos do sector privado, e moito máis cando a crise aperta, pero non podemos resignarnos con outro adiamento máis”, argumentou. Por iso anunciou tras a Asemblea Electoral que “o primeiro compromiso da xunta directiva que se estrea hoxe non pode ser outro que o de garantir a defensa do Enlace coa A‐52. É a nosa prioridade e imos pór máis empeño que nunca en conseguilo”.

Ademais, engadiu que o seu equipo será “perseverante” con todas as propostas do Plan Estratéxico que continúan abertas e pendentes de decisións políticas, entre as que citou a Central de Mercadorías ligada ao Tren de Alta Velocidade, o servizo de transporte público entre a cidade de Ourense e o Polígono, o Centro Verde, o Parque de Bombeiros e as obras de mellora da depuradora.

O presidente dos empresarios do Polígono de San Cibrao mostrouse esperanzado en conseguir importantes melloras de infraestruturas e de servizos a partir de 2015, o ano no que o maior polo empresarial de Ourense vivirá un acontecemento moi especial, ao cumprir 50 anos impulsando a economía e o mercado de traballo ourensáns: “O medio século de vida do Polígono representa un excelente momento para cultivar resultados e para que os proxectos incompletos pasen do papel á parcela, da palabra aos feitos e da petición á inauguración”, sinalou.

Por outra banda, Elías Mera tivo palabras de agradecemento para os anteriores presidentes e xuntas directivas da Asociación, así como para todos os asociados polo apoio recibido. Mostrouse moi satisfeito por comprobar unha vez máis, e do mesmo xeito que en asembleas anteriores, que “o motor da economía ourensá é precisamente o lugar da provincia onde existe maior unidade empresarial e onde se practica unha xestión aberta á participación de todos os socios”.

Finalmente, definiu o Polígono como “a maior fábrica de produtos ourensáns”, e a Asociación de Empresarios de San Cibrao como “o principal foco de unidade, de dinamismo empresarial e de traballo compartido”.

30 de outubro de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.