publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta e Confederación do Douro traballan nun marco de colaboración que mellore o abastecemento e saneamento

Ethel Vázquez na reunión coa Confederación Hidrográfica do Douro

Ethel Vázquez na reunión coa Confederación Hidrográfica do Douro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Confederación Hidrográfica do Douro, José Valín Alonso, na que acordaron traballar para establecer un marco de colaboración destinado a mellorar a situación de abastecemento e saneamento dos concellos galegos que se integran na Conca Hidrográfica do Douro. O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, tamén participou neste encontro.

Ethel Vázquez puxo en valor o compromiso da Xunta coa situación do saneamento e o abastecemento destes concellos, tal e como demostran as cifras de investimentos acometidos na materia desde 2009. Nestes anos, Augas de Galicia levou a cabo obras por un importe de case 4 millóns de euros, que permitiron, entre outras actuacións, executar o abastecemento e saneamento da rúa Canella Cega en Verín, por importe de 340.000 euros e rematadas en novembro do ano pasado. Tamén se levaron a cabo a reparación do colector na canle do río Támega, na rúa Olivar; o saneamento e depuración da área de servizo de Riós; ou a mellora do abastecemento, captación e impulso no núcleo das Chas, en Oímbra.

Ademais, a conselleira informou de que este mesmo mes se iniciarán as obras de mellora da ETAP de Verín, destinadas a incrementar a eficacia do tratamento das augas. Con estes traballos solucionaranse os problemas de turbidez que se veñen producindo, sobre todo en época de chuvias, xa que se colmatan os filtros da estación.

Xunto con isto, Ethel Vázquez trasladoulle ao presidente da Confederación Hidrográfica do Douro o interese da Xunta por traballar dun xeito coordinado e por definir un marco de actuacións que redunde na mellora do saneamento e do abastecemento dos nove municipios integrados na bacía.

Entre as actuacións necesarias, a conselleira de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas destacou as que afectan á rede de saneamento e depuradora de Verín

Vázquez Mourelle salientou a importancia desta zona, xa que está composta por nove concellos (Verín, Laza, Monterrei, Riós, Oímbra, Castrelo do Val, Vilardevós, A Mezquita e A Gudiña), que suman unha superficie de 1.134 m2 con preto de 30.000 habitantes e case 170 núcleos de poboación no ámbito do río Támega, principal afluente do Douro nesta comunidade.

12 de setembro de 2014 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.