publicidade hoxe

Xunta, Concello e IES acordan a execución de diversas obras de mellora no centro educativo da Pobra do Caramiñal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Pobra do Caramiñal
A-
A+
Un instante da reunión

Un instante da reunión

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, recibiu esta mañá no seu despacho a unha representación da dirección do Instituto de Educación Secundaria (IES) da Pobra do Caramiñal para consensuar diversos traballos de mellora das instalacións. No encontro, no que tamén estivo o alcalde do municipio, Isaac Maceiras, as dúas administracións e os representantes educativos acordaron as prioridades de actuación, que se levarán a cabo de xeito coordinado ao longo deste curso.

Así, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da xefatura territorial, acometerá durante o período non lectivo das vacacións de Nadal, co obxectivo de non interferir na actividade académica, os traballos necesarios para a supresión das barreiras arquitectónicas no perímetro do recinto educativo. Neste senso, o concello tamén se comprometeu a dotar ao centro dun novo acceso na parte traseira.

Do mesmo xeito, nas vindeiras semanas comezarase a estudar o proxecto para executar a conexión das dependencias do IES á rede municipal de saneamento e, ademais, os técnicos visitarán esta mesma semana o centro para tratar de buscar a mellor solución para eliminar as humidades detectadas nalgunhas estancias. Ademais, Do Campo comprometeuse a xestionar perante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a implantación dunha rede de banda larga no instituto.

Por outra banda, o goberno local tamén reiterou a súa vontade de iniciar no menor prazo posible o pintado das instalacións, uns traballos que se realizarán en colaboración coa dirección, que aportará o material.

A delegada territorial amosou a súa disposición a seguir mantendo un diálogo fluído coa comunidade educativa do municipio, co fin de estreitar a colaboración e sacar adiante estas actuacións co maior consenso posible e atender as demandas que se plantexen en cada momento. Tamén agradeceu a cooperación amosada polo primeiro edil da Pobra e do seu goberno desde o principio para facer realidade estas melloras.

30 de setembro de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.