publicidade hoxe

Uns mil cativos probaron a navegar sobre as ondas nos bautismos de surf na Lanzada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocal PortadaO GrovePontevedraXuventude
A-
A+

1.000 nenos e nenas probaron a navegar sobre as ondas na praia de A Lanzada desde comezos de agosto ata esta semana. Fixérono nos bautismos de surf que a Deputación de Pontevedra incluíu como nova actividade no programa dos campamentos que impulsa cada ano e nos que participan un total de 2.200 rapaces distribuídos en 11 quendas.

O surf sumouse á oferta dos campamentos na primeira semana de agosto e todos os participantes en cada unha das 5 quendas que se desenvolveron desde entón tiveron ocasión de tomar contacto con esta modalidade deportiva, coa axuda de surfistas expertos.

Cada un dos participantes (de entre 8 e 13 anos) recibe un traxe de neopreno e licra e unha táboa e, en grupos de seis alumnos acompañados por un monitor, aprenden as técnicas básicas do deporte, primeiro con formación na area e, de seguido, na auga.

Posturas para remar, cómo superar as ondas, saber identificar as zonas de rompente ou aprender a facer o cálculo da velocidade das ondas e do seu tamaño, son só algunhas das cuestións que os máis pequenos aprenderon nestes bautismos de surf, nos que o obxectivo principal era familiarizarse co medio, aprender a manter o equilibrio e dominar as técnicas para flotar.

A deputada Begoña Estévez visitou esta mañá os campamentos, para comprobar in situ o desenvolvemento dos bautismos de surf e confirmou que, dada a boa acollida que tivo a nova actividade, incluirase de forma definitiva no programa dos campamentos.

Os bautismos de surf desenvolvéronse os luns e mércores en horario de mañá e tarde e foron moi ben recibidos polos participantes nos campamentos, que na súa inmensa maioría nunca tiveran contacto directo cun deporte que comeza a callar nas Rías Baixas.

De feito, a deputada Begoña Estévez puxo de manifesto que os efectos da promoción que a Deputación está a facer deste deporte son xa perceptibles, e son bastantes os cativos que probaron sorte co surf nos bautismos promovidos pola Administración provincial (nos campionatos do Surf Rías Baixas Pro 2013 e 2014) e que agora aprenden a dominar as ondas sobre unha táboa en varias escolas da provincia.

É un efecto similar ao conseguido coas probas ciclistas organizadas coincidindo coa Volta Ciclista a España, que incrementaron o número de licencias federativas e a práctica deste deporte na provincia.

3 de setembro de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.