publicidade hoxe

Uns 2.000 deportistas de vela e remo de España e Portugal participarán na Semana Abanca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Lete Lasa na presentación da Semana Abanca

Lete Lasa na presentación da Semana Abanca

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da Semana Abanca, dedicada á vela e ao remo, que terá lugar nas rías de Vigo, Pontevedra e A Coruña, ademais da costa portuguesa de Leixóes, desde o 19 de setembro ata o 8 de novembro.

No acto celebrado na sede da entidade bancaria na rúa García Barbón, Lete Lasa felicitou aos organizadores do evento pola súa capacidade “para desafiar as dificultades económicas destes últimos anos e seguir mantendo o alto atractivo dunha cita na que participarán ao redor de dous mil deportistas e un millar de embarcacións” e que, xunto á alta competición, promove tan intelixentemente o deporte de base e a industria náutico deportiva, engadindo aos sete ciclos competitivos da presente edición un oitavo ciclo de corte empresarial, con foros profesionais sobre a industria náutica deportiva peninsular e sobre a vela oceánica.

O titular de Deportes da Xunta amosou a súa satisfacción ao constatar o fortalecemento, ano tras ano, dun evento deportivo “que agora navega baixo unha renovada marca comprometida con Galicia e co desenvolvemento socioeconómico de todos os galegos”. Neste sentido, engadiu que baixo o novo nome Semana Abanca, “o desexo dos fundadores desta cita deportiva no ano 2000 cobra agora especial significado, porque naceu como unha proba con vocación atlántica, aberta a todas as localidades costeiras, unindo o norte e o sur de Galicia e indo mais aló, acadando a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

Lete Lasa desexou que estas semanas de competicións e actividades ao redor da vela e do remo xeren o habitual impacto dinamizador nas economías das localidades que visita -Vigo, Moaña, A Coruña, Matosinhos, Marín, Poio e Pontevedra-, destacando o apoio conxunto de numerosas institucións e empresas a este evento, no que atopan “unha magnífica ocasión para referendar a súa responsabilidade social e a súa contribución a Galicia a través do deporte”.

16 de setembro de 2014 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.