publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha ducia de persoas foron detidas por máis dun centenar de furtos na comarca do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosMeañoMeisPontevedraPortada dereitaRibadumiaSucesosVilanova de Arousa
A-
A+
Europa Press
Material incautado

Material incautado

A Garda Civil dá por esclarecido a comisión de máis dun centenar de roubos e furtos cometidos durante os últimos catro anos na comarca pontevedresa do Salnés tras a investigación que culmina coa detención dunha decena de persoas.

Segundo informou o Instituto Armado, a todos os arrestados impútanselles delitos contra o patrimonio por roubos e furtos cometidos en Cambados, Ribadumia, Meis, Meaño e Vilanova de Arousa. Ademais, a dous deles súmaselles outro de tráfico de drogas.

O grupo desarticulado, que operaba desde polo menos o ano 2010 na comarca, vincúlase con roubos en naves industriais, instalacións deportivas, garaxes e edificios. A Benemérita resalta, ademais, que a súa actividade delituosa incrementouse no último ano. Así, indicou que xa cometera roubos en casas desocupadas pero, nos últimos meses especializáronse en vivendas habitadas.

Entre outros feitos, impútanselles oito roubos noutras tantas casas vacacionais ou de fin de semana da zona de O Terrón, no municipio de Vilanova de Arousa. En concreto, os ladróns aproveitaban as saídas ou ausencias dos propietarios da vivenda para levar o mobiliario e os electrodomésticos.

Polo menos seis granxas foron tamén vítimas deste grupo, que se facía con ferramentas e animais. Os asaltantes subtraeron porcos, galiñas, ocas e tenreiros. Até o momento recuperáronse dous tenreiros, que xa foron devoltos ao seu lexítimo propietario.

CAMBIO DE OBXECTIVO

A banda cambiaba de obxectivo segundo a época do ano. Así, durante a vendima, eles facían a súa colleita ilegal de Albariño durante a noite en leiras de Rías Baixas e logo vendíanas a algunha adega. Estes feitos repetíronse en, polo menos catro viñedos de Ribadumia e Meaño durante as campañas do 2012 e 2013.

Instalacións públicas como campos de fútbol ou colexios, a estación experimental de viticultura de Leiro, en Ribadumia ou xacementos arqueolóxicos forman parte dos escenarios nos que actuou este grupo.

A investigación permitiu localizar numeroso material e gran parte puido ser xa devolto aos seus propietarios legais, segundo sinalaron as mesmas fontes.

No botín hai, entre outros moitos produtos, unha formigoneira, unha embarcación auxiliar, cinco rozadoras, sete amoladoras, dúas sulfatadoras, catro motobombas, tres serras eléctricas, tres carabinas de aire comprimido, dúas pistolas neumáticas, dous arpóns e numerosos electrodomésticos.

Aos detidos A M.S.I., de 33 anos e veciña de Vilanova de Arousa, e a A.D.A., de 28 anos e veciño de Sanxenxo, impútaselles ademais dos delitos de roubo e furto, o de tráfico de drogas.

Os outros oito arrestados son os veciños de Ribadumia S.F.N., de 32 anos; S.F.N., de 27 anos; A.P.C., de 23 anos e D.M.M.R., de 29; así como J.A.P.M., de 35 e veciño de Vilanova de Arousa; J.P.A., de 32 anos e veciño de Cambados; e D.C.G, de 23 anos e veciño de Vilanova de Arousa.

Tanto os detidos como o material intervido foron postos a disposición do Xulgado de Instrución Número 2 de Cambados.

3 de setembro de 2014 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.