Unha ducia de directivos da National Trust percorrerán o Camiño Inglés entre Ferrol e Santiago
Un grupo formado por unha ducia de directivos da International National Trusts Organisation (INTO) percorrerá a próxima semana, entre o 15 e o 19 de setembro, as cinco etapas do Camiño Inglés entre Ferrol e Santiago, co fin de promocionar a ruta nos seus respectivos mercados turísticos.
A iniciativa enmárcase no convenio asinado recentemente entre a Deputación da Coruña e Tesouros de Galicia, entidade sen ánimo de lucro e única sociedade española membro da INTO.
O presidente da Deputación, Diego Calvo, realizará parte do camiño xunto ao titular da organización, o australiano Simon Molesworth; o seu vicepresidente, o canadense Bill Turner; e a británica Catherine Leonard, responsable da área de intercambio europeo e de xestionar a Rede Europea de Organizacións de Patrimonio.
O fin desta colaboración entre a Deputación da Coruña e Tesouros de Galicia é pór en valor o Camiño Inglés, así chamado debido a que foron os ingleses quen empezaron a utilizalo durante os séculos XIV e XV, sendo o barco o medio utilizado para chegar ás costas galegas. Hoxe en día, esta ruta alternativa cara a Santiago mantense como un recurso turístico moi importante para a provincia e segue espertando gran interese no mercado anglosaxón, co que existen vínculos moi marcados por motivos históricos e culturais.
As etapas previstas seguen o trazado orixinal do Camiño Inglés tradicional con Ferrol como punto de partida. Pontedeume, Betanzos, Bruma, Sigüeiro e Santiago completan unha peregrinaxe que supera os 110 quilómetros.
Ademais, haberá un segundo grupo que iniciará o percorrido o mércores 17 na Coruña, outro dos portos tradicionais de entrada dos barcos británicos, desde onde realizarán as tres etapas que separan a cidade da tumba do Apóstolo.
Ao longo do percorrido, os peregrinos, ademais de gozar da paisaxe, do patrimonio do Camiño e de vivir en persoa unha experiencia única, recibirán ampla información sobre a ruta noutros aspectos de interese turístico como a gastronomía típica dos concellos polos que discorren os tramos e a veciñanza.
Só no Reino Unido, Nacional Trust conta con máis de catro millóns de socios. Así mesmo, INTO ten presenza en todos os continentes e é especialmente activo en países como Australia, Taiwan, República Checa e Canadá, entre outros. O seu obxectivo principal é o de promover a conservación e posta en valor do patrimonio.
Esta actuación súmase a outras xa realizadas pola Deputación co fin de dinamizar o Camiño Inglés, como son a edición dunha guía turística bilingüe e a concesión de dez bolsas para crear un equipo multidisciplinar de universitarios que estude o trazado.
ETAPAS:
Luns 15: Ferrol-Pontedeume. 25 km
Martes 16. Pontedeume-Betanzos. 18 km
Mércores 17. Betanzos-Bruma. 28 km
Xoves 18. Bruma-Sigüeiro. 24,8 km.
Venres 19. Sigüeiro-Santiago. 16,5 km.