publicidade hoxe

Un total de 42 desempregados formaranse en 2 obradoiros en Oza-Cesuras e A Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA LarachaOza/Cesuras
A-
A+

Un total de 42 persoas desempregadas comezan hoxe a súa formación nos obradoiros de emprego de Oza-Cesuras e Coirós, e no da Laracha e Arteixo. Os dous supoñen un investimento total da Consellería de Traballo e Benestar de preto de 380.000 euros.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, inaugurou hoxe en primeiro lugar o obradoiro de Oza-Cesuras e Coirós, no que 20 persoas recibirán unha preparación de calidade sobre actividades auxiliares de viveiros e xardíns, grazas a un investimento de preto de 180.000 euros.

Neste obradoiro de emprego os alumnos e alumnas participantes desenvolverán a súa actividade na praza dos Catro Ventos e a praza das Nenas de Bragade; a praza do local social de Piñoi en Borrifáns; o área de ocio As Fervenzas en Filgueira de Barranca; na ruta de sendeirismo Rexidoira; no área recreativa fluvial Muíño de Paredes en Mandaio; na praza da Ponte de Trasanquelos; no área recreativa de Reboredo; e na praza do concello no parque forestal do sanatorio de Paraxón.

Posteriormente, Ana María Díaz e Belén do Campo inauguraron o obradoiro da Laracha e Arteixo que, cun investimento de preto de 200.000 euros, formará a 22 persoas desempregadas sobre operacións auxiliares na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas e dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil.

Díaz destacou que, con este tipo de actuacións, a Xunta está a apostar por “unha formación certificada que mellore os currículums dos traballadores e traballadoras’. Neste senso, a directora xeral lembrou que a práctica totalidade dos cursos de formación para persoas desempregadas que financia a Consellería en 2014 están vinculados á obtención dun destes certificados de profesionalidade. Desde 2009, máis de 36.000 traballadores e traballadoras obtiveron un certificado de profesionalidade en Galicia.

Así mesmo, resaltou que os obradoiros de emprego están directamente vinculados á realización de obras de interese para a comunidade, ao tempo que supoñen “un importe espazo de colaboración” entre os concellos e a Xunta.

Na actualidade, están en marcha en toda Galicia un total de 53 obradoiros de emprego que contan cun financiamento de 10,2 millóns de euros. Nestes programas mixtos de formación e emprego están a participar 1.300 galegos e galegas. Deste global, na provincia da Coruña puxéronse en marcha 17 obradoiros que contaron cun investimento de 3,3 millóns de euros. Neles están a tomar parte 370 alumnos e alumnas.

Por último, Díaz indicou que desde a Xunta se está a traballar cada día por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral.

1 de setembro de 2014 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.