publicidade hoxe

Un total de 22 alumnos de Riveira, A Pobra, Boiro e Rianxo formaranse no obradoiro de emprego Curota

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do CaramiñalBoiroRianxoRiveira
A-
A+

Un total de 22 alumnos -13 homes e 9 mulleres- dos concellos de Riveira, A Pobra, Boiro e Rianxo principiaron no día de hoxe a súa aprendizaxe no obradoiro Curota: unha iniciativa mixta de formación e que foi presentada no Centro Cultural Lustres Rivas, con presenza da tenente de alcalde riveirense Dolores Elorduy e dos rexedores de A Pobra, Boiro e Rianxo, Isaac Maceiras, Juan José Dieste e Adolfo Muíños.

Os alumnos do obradoiro terán a oportunidade de cursar durante seis meses a especialidade de pavimentos e albanelaría de urbanización. A posta en marcha desta acción entraña tamén a contratación dun equipo de persoal docente composto por cinco membros (unha directora, unha titora, unha administrativa e dous profesores). Dos 22 alumnos, oito pertencen ao municipio de Riveira, seis a Boiro, cinco a Rianxo e tres á Pobra.

Expectativas laborais

Todos os representantes municipais incidiron nas esperanzas depositadas neste obradoiro para que os seus alumnos obteñan maiores expectativas de emprego. Neste senso, Adolfo Muíños lembrou que participar nesta escola “non é o obxectivo, senón un paso para acadar unha mellor inserción laboral”. Juan José Dieste subliñou a importancia de formarse en cantas máis especialidades mellor nun mundo “cambiante, dinámico e competitivo”. Isaac Maceiras incidiu na natureza prioritaria que ten o crecemento económico e de emprego dos concellos de Arousa Norta.

Pola súa parte, Dolores Elorduy tamén lembrou que o traballo desenvolvido por estes alumnos redundará en beneficio da comunidade, ao realizar actuacións en espazos públicos de interese para os veciños.

Neste senso, e polo que respecta a Riveira –que exerce de “concello promotor” do obradoiro-, está previsto a renovación dun tramo de beirarrúas na avenida da Coruña, entre a rotonda das Carolinas e o colexio de Deán.

En cantos aos outros tres municipios, A Pobra efectuará unha actuación en Silva; Boiro, en Escarabote; e, polo que respecta a Rianxo, un plan viario e de accesibilidade, ademais dunha beirarrúa de acceso ata o tanatorio dende O Pazo.

1 de setembro de 2014 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.