publicidade hoxe

Sober avanza na sinalización turística do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

A Corporación do Concello de Sober celebrou onte Pleno ordinario no que aprobou por unanimidade unha moción presentada pola concelleira Paula Vázquez solicitando ao Consorcio de Turismo a colocación de paneis informativos nas principais igrexas románicas, así como no lugar de Proendos. Tamén se estudará o modo de poder visitar os petroglifos máis representativos desta zona, os de O Xestal.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, avanzou que no mes de outubro dende o Consorcio de Turismo está previsto colocar sinais direccionais nas igrexas románicas de Lobios, Pinol, Proendos e Canabal.

Mellora do firme na estrada de Doade

Ademais o Pleno aprobou por unanimidade solicitar da Deputación a mellora do firme na estrada de Doade á altura do lugar de A Carqueixa. Neste sentido, desde a Alcaldía informouse que xa se dirixiu en varias ocasións ao ente provincial para demandar melloras en diversas estradas provinciais de titularidade provincial e, nalgunha ocasión, melloras nese punto concreto.

Tamén se aprobou un suplemento en aplicación de gastos por importe de 34.667 euros para a amortización de débeda. O Concello de Sober reduce así a súa débeda nun 12 por cento. É o segundo ano que o equipo de Goberno acorda a redución de débeda con cargo a remanentes. Sober convértese así nun dos Concellos da comarca con menos débeda.

26 de setembro de 2014 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.