publicidade hoxe

Rueda destaca as vantaxes no acceso ás subvencións para os concellos que apostan pola fusión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOza/Cesuras
A-
A+
Alfonso Rueda en Oza-Cesuras

Alfonso Rueda en Oza-Cesuras

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda acompañado do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo polo Concello de Oza- Cesuras ao abeiro das subvencións do Fondo de compensación Ambiental, onde destacou as vantaxes existentes no acceso a subvencións para aqueles concellos que se presentan conxuntamente, e máis aínda para os que son froito dunha fusión, como é o caso de Oza- Cesuras.

No día de hoxe Rueda e Calvo, que tamén estiveron acompañados da delegada territorial da Xunta, Belén Do Campo, e do alcalde do concello, Pablo González, comprobaron in situ as obras da rede de saneamento do lugar de Casaqueimada a Castiñeiro, nas que o Goberno galego aporta o 70 por cento do proxecto, un total de 28.000 euros.

Grazas a esta obra financiada con Fondo do canon eólico unense a rede de saneamento de Cesuras e a de Oza dos Ríos, beneficiando aos seus veciños. Un paso máis na unión do que antes eran dous concellos e que hoxe é unha nova realidade única, máis forte, máis eficiente, mellor dotada e con mellores servizos para os seus veciños.

Estanse a subvencionar grazas ao canon eólico múltiples iniciativas, como mellora do saneamento e depuración de augas residuais, as melloras no abastecemento dos suministros de auga potable, a eficiencia enerxética, a recuperación de espazos naturais ou a dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións.

O vicepresidente destacou que estas actuacións redundan nas arcas municipais, pero sobre todo nos veciños e no medio ambiente, porque son actuacións vinculadas á conservación e o desenvolvemento do medio, beneficiando sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia. Así, grazas a este Fondo son numerosos os concellos galegos que se ven beneficiados directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia; posto que se financia a través do canon eólico, que permite aos concellos sufragar actuacións que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.

Alfonso Rueda incidiu no exemplo de Oza-Cesuras que apostaron por cooperar ao máximo nivel e que agora se reflicte nun concello mellor dimensionado e con mellores servizos para os veciños, e a menor custe. Ademais, con todas as vantaxes para recibir axudas da Xunta e da Deputación, xa que a cooperación valórase máis e no caso das fusións son completamente prioritarias nas ordes das subvencións.

29 de setembro de 2014 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.