publicidade hoxe

Renóvanse os paneis interpretativos de dous carreiros do LIC Ortigueira Mera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Turismo e Cultura acaba de renovar, coa colaboración de Deputación da Coruña, parte dos paneis informativos existentes en dúas das rutas de sendeirismo do municipio: a que discorre polo Bordo Litoral de Ortigueira e a do río Mera. A medida busca reforzar o papel de ambos os itinerarios como cartas de presentación do LIC Ortigueira Mera.

Os catro novos paneis interpretativos achegan información relativa tanto aos valores ambientais como ás figuras de protección das que goza este espazo natural de interese comunitario, que consta de dúas partes netamente diferentes, a conca do citado río e a ría de Ortigueira.

Así, renováronse tres dos paneis da ruta circular “Ribeiras do río Mera”, que discorre en paralelo ao curso fluvial entre a contorna da área recreativa Illa de Mera e o lugar de Pontenoval. Os novos contidos inclúen ademais outros elementos de interese do percorrido (patrimonio material, turismo rural, historia…)

En canto ao “Bordo Litoral de Ortigueira”, itinerario de baixa dificultade que discorre xunto á liña de costa entre o Paseo Varro Soto (núcleo urbano) e a praia de Morouzos, e incluído na Rede estatal de Carreiros Azuis que impulsa ADEAC e Fundación Biodiversidade, recuperouse un antigo panel próximo ao embarcadoiro de Cabalar. Isto permitiu optimizar a información a disposición de veciños e visitantes usuarios do “paseo” que, desde o pasado verán, poden descargarse unha aplicación gratuíta para dispositivos móbiles cunha guía en liña deste percorrido.

A mellora das dúas rutas pedestres, coa incorporación destas novas ferramentas informativas, ademais de impulsar o seu uso recreativo, busca potenciar o valor educativo dos itinerarios, descubrindo aos usuarios os principais hábitats destes enclaves incluídos na rede Natura.

3 de setembro de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.