publicidade hoxe

Regresan a Ortigueira as aulas de reforzo do inglés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

Un ano máis, o inglés volverá formar parte da oferta educativa municipal. A Concellaría de Participación Social e Educación renova en outubro o programa de aulas de apoio á aprendizaxe deste idioma. Durante o curso 2014- 2015, e por décimo ano consecutivo, impartiranse clases de reforzo tanto no núcleo urbano como noutras tres parroquias do municipio de Espasante, Senra e Mera de Baixo. As persoas que queiran beneficiarse da iniciativa non teñen máis que inscribirse, acudindo o primeiro día de clase.

O goberno de Rafael Girón activará o 1 de outubro este programa destinado a complementar a actividade docente ordinaria. O obxectivo non é outro que reforzar, tentando que o pasen ben e gocen, a formación oral e escrita en lingua inglesa que recibe diariamente na aula o alumnado dos centros educativos do municipio. No entanto, a actividade estará aberta tamén ao público adulto.

No núcleo urbano, as clases desenvolveranse no CEIP José María Lage en horario de tarde. Ofertaranse semanalmente dúas horas lectivas para os seguintes grupos de idade: nenos/as de 3 a 4 anos, alumnado de 5 e 6 anos, de 7 e 8 anos, de 9 a 12 e maiores de 12 anos. Este último grupo está aberto non só aos rapaces de IES senón tamén ao público adulto. Ademais, haberá unha hora semanal de conversación para principiantes e outra para veciños cun nivel de coñecemento intermedio. A constitución de cada un destes grupos dependerá, iso si, de que reúna un mínimo 5 matriculados.

A proposta municipal incluirá ademais clases noutras tres parroquias do municipio. Desenvolveranse nos centros sociais de Espasante, con clases os martes ás 19 h e xoves ás 17 h, Santiago de Mera (xoves ás 19 horas) e, por primeira vez, no de Senra (os martes ás 17 h).

As persoas que queiran beneficiarse desta iniciativa local deberán inscribirse, cubrindo as follas que lles entregará o persoal docente ao comezo das clases. Como en cursos anteriores, habilitarase un período de proba de 15 días para decidir se a proposta é do seu interese.

Os beneficiarios/as deste programa de reforzo escolar deberán colaborar co concello no financiamento do servizo, achegando 2’5 euros por cada hora, con bonificacións do 50% no segundo e seguintes membros inscritos da mesma unidade familiar.

16 de setembro de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.