publicidade hoxe

Proxecto Home recibe 303.000 euros para un programa de inserción laboral cunha explotación agro-gandeira en Bergondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBergondoLocal Portada
A-
A+
Diego Calvo na sinatura do convenio

Diego Calvo na sinatura do convenio

Diego Calvo recibiu hoxe ao presidente da Fundación Centro Galego de Solidariedade-Proxecto Home, Ramón Gómez Crespo, para formalizar o convenio de colaboración que axudará a poñer en marcha un novo programa para a inserción laboral das persoas en tratamento na organización social.

En concreto, a entidade provincial proporcionará 302.962,46 euros (o 58,50% do orzamento total de 88.884,18) para adecuar unha finca en Bos, Guísamo (Bergondo) como explotación agro-gandeira na que traballarán persoas en risco de exclusión social.

Este proxecto xorde debido á dificultade que teñen os exdrogodependentes para atopar traballo. Así, a entidade sen ánimo de lucro elaborou este programa non só para dar unha saída laboral inmediata ás persoas que xa superaron a etapa terapéutica, senón tamén para fomentar o seu empoderamento e favorecer a súa inserción laboral nun futuro.

“Conseguimos unha empregabilidade no presente e unha cualificación para dar o salto ao tecido laboral externo”, explica Ramón Gómez, que agradeceu a colaboración da Deputación para poñer en marcha a iniciativa. “Está xa case funcionando e con esta axuda temos o impulso final para a mellora das infraestruturas e a dotación de equipamento”, insistiu o portavoz.

Diego Calvo, pola súa banda, destacou o labor que desenvolve dende hai anos esta institución e comprometeu a axuda da Deputación con este tipo de proxectos destinados a persoas con dificultades.

A iniciativa pretende ofrecer un posto laboral a unhas oito persoas, que irán rotando pasado dous anos e rematada a súa formación.

Reformas

Coa achega da Deputación financiaranse tanto as obras como o equipamento da finca, con maquinaria agrícola, así como a reforma dunha serie de vivendas para os empregados. En concreto, reconstruirase parcialmente a nave para forraxe e rehabilitaranse aquelas destinadas ao gando, en concreto, ao destete de tenreiros. En canto ás vivendas, subvencionarase a reforma interior con traballos de albanelería, solados, electricidade, carpintería e pintura, ademais do mobiliario interior.

No que se refire á maquinaria, Proxecto-Home comprará un tractor, unha minicargadora, un remolque, unha segadora, unha desbrozadora e unha cisterna,  todo para traballos agrícolas.

1 de setembro de 2014 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.