publicidade hoxe

Os centros de Educación da comarca de Caldas contaron cun investimento de 71.500 euros para acometer melloras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraValga
A-
A+
Cores Tourís en Valga

Cores Tourís en Valga

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o colexio de Baño-Xanza de Valga onde destacou os case 71.500 euros investidos pola administración autonómica na mellora dos centros educativos da comarca de Caldas.

Durante a visita, o responsable territorial estivo acompañado polo alcalde de Valga, José Bello Maneiro, así como polo xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

No caso do concello, a Consellería de Cultura e Educación levou a cabo a reforma e reposición dos pavimentos de PVC no CEIP Baño-Xanza por un montante de 43.619 euros. “Deste xeito, nos últimos anos, investíronse nos centros valguenses de algo máis de 420.000 euros”, explicou José Manuel Cores Tourís.

En canto aos outros concellos pertencentes á comarca de Caldas, o delegado territorial destacou o traslado de 27.800 euros en conceptos de gastos extraordinarios aos distintos centros de cada concello co obxectivo de poñer en marcha obras necesarias para os mesmos en colaboración cos distintos concellos. Con estes fondos, os centros levarán a cabo obras de pintado e adecuación da carpintería interior, así como mellora de ventás e outras reformas de carácter menor.“Deste xeito, sumando as obras executadas directamente pola administración autonómica e os cartos enviados como gastos extraordinarios, estamos a falar dun investimento total de case 71.500 euros”, explicou Cores Tourís.

Dende 2009, segundo apuntou o delegado territorial, destináronse algo máis de 871.000 euros aos centros educativos desta comarca, “o que ven a demostrar o compromiso da administración autonómica na mellora da calidade dos seus colexios e institutos”.

A nivel provincial, o delegado territorial recordou que a Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo no presente ano na mellora dos centros educativos de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e máis de 800.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns trescentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís. “Isto unido a colaboración por parte dos concellos, fai que a cifra ascenda aos tres millóns de euros”, concluíu.

2 de setembro de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.