publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os alcaldes do BNG esixen a devolución do cobramento indebido de Sogama

Europa Press
Comparecencia do BNG

Comparecencia do BNG

O BNG e os seus alcaldes esixen que Sogama -ente participado maioritariamente por capital público- lles devolva” o que lles cobrou indebidamente”, despois de que para este ano se previse unha subida do 34 por cento do canon que pagan os concellos por unha previsión de perdas que alcanzaba os 4 millóns de euros.

Segundo os cálculos dos nacionalistas, nun concello duns 10.000 habitantes, o sobre custo pola subida do canon podería estar nuns 80.000 euros.

De feito, e en palabras da deputada nacionalista Ana Pontón, o presidente de Sogama, Luis Lamas, “falseou as contas”, xa que finalmente as perdas foron un “85 por cento” menos do que se incluíu nos orzamentos da Xunta ao quedar en 600.000 euros, motivo polo que o Bloque tamén reclama a dimisión do máximo dirixente dese organismo.

Na rolda de prensa, ademais de Pontón, tamén participaron os alcaldes de Carballo, San Sadurniño, Ribadeo e Monforte, Severino Rodríguez, quen foi un dos primeiros en declararse “insumiso” á subida da taxa incluída nas contas autonómicas do presente exercicio.

En nome dos alcaldes do BNG, Severino Rodríguez explicou que solicitaron que se actuase con contundencia a través da Fegamp” e “rotundidade”, e reclamaron ao presidente da federación municipal, o alcalde ferrolán José Manuel Rey Varela (PP), que “convoque a comisión de residuos para abordar esta cuestión coa Xunta”.

A principios do mes de setembro, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, expresou -nunha rolda de prensa posterior ao Consello- o seu rexeitamento a reintegrar as contías cobradas.

“TIÑAMOS A RAZÓN”

“Tiñamos a razón. E cando alguén ten a razón, hai que darlla”, salientou Severino Rodríguez, quen viu “demostrado” o que os alcaldes advertiran cando se subiu o canon e se mostraron en contra. Así, esixiu “retirar” o canon e que se lles devolva “o diñeiro que se lles roubou ilegalmente” aos municipios e os seus veciños.

Por iso, instou á Fegamp a que actúe con “contundencia”, posto que é o organismo que ten que “defender os intereses dos veciños que viven nos concellos”.

“Espero que o presidente da Fegamp convoque a comisión de residuos para abordar esta cuestión coa Xunta. O que non pode ser é que se engane á xente e non pase nada; que se falsifiquen as cousas, e non pasa nada”, abundou Severino Rodríguez, quen observou que se calquera alcalde se desviase un 85 por cento das súas previsións nun orzamento, o “primeiro” que tería que facer é “dimitir”.

“ASUNCIÓN DE RESPONSABILIDADES”

A parlamentaria do BNG incidiu en que se tratou dunha subida “ilegal” e remarcou que “o normal sería que o Goberno de Feijóo rectificase, devolva o diñeiro que cobrou indebidamente e asuma responsabilidades no ámbito político”.

Nesta liña rexistraron unha iniciativa no Parlamento de Galicia os nacionalistas, co fin, tamén, de que o presidente de Sogama sexa “cesado” pola súa “actuación neglixente e falsaria”. A xuízo de Pontón, verificouse que se quería facer peto a conta das arcas municipais”.

CAMBIO DE MODELO

Á marxe desta cuestión, Ana Pontón manifestou que “segue sendo evidente que Sogama é un modelo fracasado e insustentable” e sálelle caro aos cidadáns en termos económicos”, ademais de sociais. Por iso, esixiu un plan de residuos que “abandone” este modelo, baseado na incineración, e se aposte por reducir e reciclar.

Neste sentido, sinalou que a creación de plantas de compostaxe comarcais suporía a “creación de 1.500 empregos directos”, ademais dos beneficios ambientais.

17 de setembro de 2014 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.