publicidade hoxe

Ortigueira deseña o operativo de tráfico para garantir a seguridade durante o paso da Volta a España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

Ortigueira estrearase o vindeiro mércores, 10 de setembro, como anfitrioa da saída da 17ª etapa da Volta 2014. Con este motivo, o alcalde Rafael Girón acaba de facer público a través dun bando as medidas que, en materia de tráfico e mobilidade, será preciso adoptar para facilitar os preparativos e lograr a máxima seguridade durante o evento deportivo.

Segundo reza o bando, a saída da primeira etapa entre Ortigueira e A Coruña, levará a adopción dunha serie de actuacións para “garantir a seguridade e fluidez do tráfico, nas zonas afectadas polo acontecemento deportivo”, é dicir, en toda a contorna do Porto deportivo, zona de onde está previsto que salga a proba e en cuxas proximidades se situarán as distintas infraestruturas de Unipublic, e na Estrada Xeral, por onde discorrerá a carreira con dirección a Campo do Hospital.

Así, os días 9 e 10 de setembro quedará prohibido o estacionamento no aparcadoiro da Alameda, zonas anexas e no peirao de Ortigueira. A prohibición estenderase o día mesmo da carreira a ambas as marxes da Estrada Xeral no treito comprendido entre a intersección coa rúa As Pontes e a Oficina de Turismo (A Lagarea). Deste xeito, búscase facilitar que veciños e visitantes poidan seguir a carreira dunha forma máis cómoda.

Como alternativa para estacionar mentres estean vixentes as restricións, desde a Policía Local apuntan que quen se acheguen ao núcleo urbano poderán deixar os seus vehículos ben no aparcadoiro da Magdalena, ben na avenida Juan Luís Pía. Ademais, funcionará como a diario o parking subterráneo gratuíto das Vivendas Sociais.

PECHE AO TRÁFICO

Á marxe destas limitacións para aparcar, o bando establece que, a partir das 17 horas do día 9 de setembro e até as 17 horas do día 10, quedará prohibida a circulación de todo tipo de vehículos polas rúas As Pontes, Concordia, Alameda, Viaria Portuario (Xardíns do Malecón) e Travesía Alameda.

Ademais, e segundo apuntan desde Tráfico, o día da saída cortarase a Estrada Xeral a partir do mediodía (ao redor das 12:15 horas) e ata que finalice a saída, que se producirá a partir das 12:45 horas, de todo o pelotón e os vehículos que o acompañan.

Por iso, nese intervalo quen queira acceder á vila desde Ferrolterra ou terán que esperar ao paso da carreira pola AC 862, ou ben evitar esa estrada, accedendo ao municipio, por exemplo, a través da estrada das Pontes (AC 101) e despois a Variante de Ortigueira (enlace Ortigueira Norte).

Desde o Concello rógase aos veciños máxima colaboración co fin de conseguir a maior fluidez posible do tráfico e unha saída neutralizada do pelotón nas mellores condicións de seguridade para todos.

Conscientes de que algunhas molestias serán inevitables, desde o goberno pídese, de antemán, desculpas aos veciños, e apélase á súa comprensión, dada a importancia deportiva, económica e turística, que ten para Ortigueira ser sede da Volta 2014, un acontecemento de relevancia internacional que se retransmite por televisión en 178 países e cuxa organización move a unhas 3.000 persoas.

4 de setembro de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.