publicidade hoxe

Ortigueira adxudica un proxecto de mellora pistas municipais do rural por máis de 121.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira acaba de adxudicar o primeiro dos proxectos de mellora da rede de vías públicas incluído no POS 2014. As actuacións, que cofinanciarán concello e Deputación da Coruña, consisten en obras de rexeneración de pistas da zona rural.

En total, investiranse algo máis de 121.000 euros na posta a punto de nada menos que catorce pistas que, na actualidade, e como consecuencia do tráfico que soportan a diario, non se atopan en boas condicións de uso.

Beneficiaranse destas obras de acondicionamento sete parroquias do rural (O Ermo, Senra, Freires, San Claudio, Mera de Baixo, Mera de Riba e San Adrián). Ademais, resérvase unha porcentaxe do orzamento para actuacións puntuais de rebacheo no resto de territorios da localidade.

Como vén sendo habitual, o goberno local dá prioridade ao acondicionamento de camiños que constitúen accesos a lugares con máis vivendas e aqueles máis transitados, contribuíndo así a mellorar as condicións de seguridade, tanto de condutores como dos peóns que circulan de maneira habitual por estes viarios.

Últimas prazas para participar nas “Rutas das catedrais góticas”

Por outra banda, a Concellaría de Benestar Social retoma este outono o seu programa de viaxes sociocomunitarios, e faino con dúas saídas de marcado carácter cultural. O destino, cidades do Norte da Península con catedrais góticas. As persoas interesadas poden anotarse aínda, dado que quedan as últimas prazas vacantes.

A primeira das saídas, dun día de duración, terá lugar o sábado 20 de setembro e levará aos veciños/as que decidan inscribirse até a capital do Principado de Asturias, Oviedo. A excursión, cun prezo de 35 euros, incluirá o custo do bus, comida, guía oficial da cidade e entrada na monumental basílica do século XV na que, a pesar de estar presentes distinto estilos arquitectónicos, predomina o gótico florido ou flamígero.

A segunda viaxe será de fin de semana e está programado para xusto dúas semanas despois, os días 4 e 5 de outubro. E nel visitaranse os indiscutibles tesouros góticos de Castela e León, a catedral de Burgos, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e a de León.

O prezo desta segunda excursión será de 140 euros por persoa en habitación dobre compartida en hotel situado no centro de Burgos, incluíndo ademais almorzo e as dúas comidas, guías e entradas nos dous edificios catedralicios.

Apuntan desde a Concellaría de Benestar Social que as persoas interesadas deben anotarse canto antes no centro social de Ortigueira (teléfono 981402542). No caso da viaxe a Castela e León haberá que abonar unha fianza de 40 euros no momento de inscribirse.

11 de setembro de 2014 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.