publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Rei Felipe VI incide no seu discurso inaugural na urxencia de aumentar a calidade da educación

Europa Press
Visita dos Reis de España ao colexio Ben Cho Shey. Foto: X. Crespo

Visita dos Reis de España ao colexio Ben Cho Shey. Foto: X. Crespo

O Rei Felipe VI demandou este martes, durante a inauguración do curso no colexio Ben-Cho-Shey en Pereiro de Aguiar (Ourense), un esforzo conxunto para lograr, “urxentemente”, aumentar “a calidade da educación” en España, tras constatar que segue “con problemas moi graves”.

No acto institucional, tras visitar o centro en compañía de Dona Letizia; do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo; do ministro de Educación, José Ignacio Wert; a secretaria de Estado para a Educación, Montserrat Gomendio; e doutras autoridades, o monarca, incidiu na necesidade de “adecuar a oferta formativa á demanda da economía, adaptándoa á sociedade do coñecemento e ao mundo globalizado” actual.

O monarca fixo fincapé nas dificultades dos mozos para incorporarse ao mercado de traballo e engadiu, ao tempo, que “outro feito tan grave como innegable” é “a frecuente falta de adecuación das competencias de moitos cidadáns ás necesidades da economía real”, o que deriva nun “desaxuste” pois o mercado de traballo precisa profesionais e traballadores “con aptitudes que non puideron obter na súa vida escolar”, remarcou.

Nese sentido, resaltou que os retos son a “loita contra o abandono escolar e o logro dun maior rendemento de cada estudante”, ademais de “adecuar” a oferta formativa “nos tramos educativos que sexa preciso”.

Segundo manifestou o monarca, a educación de calidade é a “clave absoluta” do progreso e benestar de todos os cidadáns, tanto para os individuos como para a sociedade na que conviven, e é necesaria para formar españois preparados para as contornas “complexas e competitivas dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Sobre a Formación Profesional engadiu que é “clave na imprescindible mellora e actualización educativa de España”, polo que avogou por valorala, fomentala e coidala “como se merece”. No seu discurso dixo reafirmar o compromiso “firme” da Coroa coa educación por ser o “verdadeiro eixo e motor” para o progreso.

CARTA Á COMUNIDADE EDUCATIVA

Tras detallar os problemas e necesidades do sistema educativo en conxunto, o Rei de España dirixiuse a toda a comunidade educativa e encabezou, a modo de carta, unha mensaxe a alumnos, profesores, autoridades e familias, cun “queridos…”.

Aos estudantes de toda España pediulles que aproveiten “ao máximo” o tempo que pasan na escola porque está en xogo o seu futuro e o seu desenvolvemento persoal e social, e instou os alumnos a “valorar aos mestres” e a axudarse entre si “sen excluír a ninguén”.

Aos mestres e profesores agradeceulles todos os recordos nos que están como referente. “Ensinades a nenos e, sobre todo, formades persoas e cidadáns, debémosvos o noso recoñecemento e gratitude”, concretou.

Ás familias pediulles “exemplo e estímulo” que son a base da educación integral. “A educación é tarefa de todos e comeza, sen dúbida, no seo familiar”.. Falou do “espírito de superación” que debe guiar a todos e expresou os “mellores desexos para todos os centros escolares de España”, en nome propio e da Raíña e expresou a súa seguridade de que, a pesar de que os problemas que afectan á educación son “moitos”, “xuntos, con realismo e xenerosidade, poderán vencerse”.

WERT E O ABANDONO

Na intervención do Rei foi cualificado como “feito triste e certo” o “elevadísimo porcentaxe de mozos que abandonan os seus estudos en idades temperás”, despois de que o ministro de Educación detallase, no seu discurso, os números dese abandono en España e en Galicia.

A alocución de Wert incluíu varios parágrafos en galego e aludiu a datos que indican que “pese ao camiño que queda por percorrer, hai xa algúns que animan á esperanza” como o do maior crecemento do alumnado, rexistrado na Formación Profesional, onde a matrícula aumentou un 12,8 por cento, aínda que as taxas de escolarización posterior ao ensino obrigatorio “melloraron significativamente nos últimos anos”.

En relación ao abandono escolar, detallou que se reduciu nos últimos tres anos nun 15 por cento, ao pasar do 26,5 por cento ao 22,7 por cento, “froito do traballo de administracións públicas, equipos directivos, profesores, alumnos e familias”, agregou.

O ministro de Educación lembrou que neste curso comeza “a súa andaina” a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce) e que a autonomía de administracións e centros educativos “dá os seus primeiros froitos”, como en Galicia, onde se reforzou o tempo de lingua e matemáticas.

O titular da carteira educativa terminou o seu discurso con referencia ás “leccións sobre educación” de Kant para explicar que a educación é tarefa que debe ser perfeccionada por moitas xeracións. Ademais, avogou por asumir o reto de Kant e “seguir a tarefa”.

EXPERIENCIA E RAZÓN

Pola súa banda, o presidente da Xunta tamén incluíu no seu discurso referencias históricas en clave galega, como ao Pai Feijóo, “un dos primeiros ilustrados de España”, nacido no municipio de Pereiro de Aguiar, a poucos quilómetros do colexio Ben Cho Shey, onde se celebrou o inicio oficial de curso escolar 2014-2015.

Segundo manifestou Feijóo hai que escoitar o que dite a experiencia e a razón pois “ambas son boa guía para os tempos que nos toca vivir, pois garante solucións razoables a todos os problemas”.

Nese sentido vai a aposta, segundo dixo, por xeneralizar aos poucos o uso das novas tecnoloxías nas aulas e o modelo plurilingüe que xa están en máis de 220 colexios públicos, coa potenciación das linguas estranxeiras que xa teñen máis de 80.000 escolares galegos porque “experiencia e razón din que a contorna xeral será plurilingüe”.

16 de setembro de 2014 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.