publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O presidente da Xunta apela á experiencia e á razón como bases do sistema educativo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaO Pereiro de AguiarOurense
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á “experiencia e á razón” que predicaba o Padre Feijóo, como bases dun sistema educativo que permita despregar todas as potencialidades que latexan nos alumnos e facelos “cidadáns da súa terra, cidadáns do mundo e, sobre todo, cidadáns do seu tempo”. Así o asegurou o mandatario galego esta mañá, durante o acto de apertura do curso escolar 2014-2015 no CEIP Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar, un acto que estivo presidido polas súas maxestades os Reis de España.

Para o titular do Goberno galego, a educación debe proporcionar as ferramentas suficientes para facer dos nenos e dos mozos, persoas capaces de desenvolverse no tempo que lles tocou vivir; “un tempo que dilúe fronteiras, que mestura culturas, que imbrica linguas, que tende a superar antagonismos co diálogo”. “Queremos formar alumnos orgullosos de ser o que son e aptos para aceptar o que o mundo lles propón ser. Queremos tamén trasladar á escola valores que o pobo galego atesoura desde fai séculos, e que se revalorizan nesta segunda década do século XXI”, precisou.

Nesta liña, Feijóo referiuse á aposta “decidida” do Goberno galego por xeneralizar o acceso ás novas tecnoloxías nas aulas; por establecer un modelo plurilingüe na ensinanza, que se aplica progresivamente e beneficia xa a máis de 220 centros públicos; ou por potenciar as linguas estranxeiras, con programas dos que xa se benefician máis de 80.000 escolares.

“Experiencia e razón dinnos que o noso contorno é e será plurilingüe”, indicou Feijóo, engadindo que “podiamos afastar del ao sistema escolar ou incorporalo ás aulas. E isto último é o que fixemos”, aseverou.

Así mesmo, e logo de incidir en que a educación “transformou a Galicia dos últimos anos, co inapreciable esforzo dos docentes; pero ao mesmo tempo, Galicia moldeou o noso sistema educativo”, Feijóo destacou o espírito dialogante “e pouco dado a doutrinarismos pechados” dos galegos. “O galego é un compendio: somos capaces de fundir estilos e maneiras de pensar para lograr conxuntos tan dispares e harmónicos como mostra a Catedral de Santiago”, abundou.

Durante a súa intervención, Feijóo tamén se referiu ao ourensán que dá nome ao colexio Ben-Cho-Shey, Xosé Ramón Fernández Oxea, “outro fillo ilustrado, animado igualmente pola paixón da ensinanza”, que viaxou e aprendeu, “con experiencia e razón, que Galicia formaba parte do mundo e que o seu destino non era illarse senón atopar o seu sitio no concerto dos pobos”. “E atopouno”, dixo Feijóo, “coa democracia, coa autonomía, coa súa presenza nunha España xusta, coa súa voz nesa Europa que fai camiño ao andar”.

“As nenas e nenos de Pereiro de Aguiar, e todos os da nosa Comunidade, non forman parte dunha Galicia que navegue por rumbo descoñecido. O seu futuro será o que eles queiran, pero recibirán a herdanza inapreciable dunha sociedade; unha sociedade galega estable, viva e fraterna”, afirmou.

O presidente da Xunta quixo transmitir, tamén, o agradecemento ás SS.MM. pola súa presenza, “un encontro no que os galegos volvemos constatar, unha vez máis, a proximidade, que xa antes como Príncipes, e agora como Reis, foron acreditando ao longo do tempo”.

Feijóo concluíu a súa intervención, lembrando que case medio millón de mozos galegos –desde infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP e universidades- están preparándose “para ser o futuro de Galicia e para, desde Galicia deseñar o mañá do noso pobo”, aseverou.

16 de setembro de 2014 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.