publicidade hoxe

O goberno ferrolá adxudica as obras de reurbanización da rúa do Sol e de recuperación dos Xardíns de Herrera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Goberno Municipal de Ferrol deu hoxe un paso máis en dúas intervencións estratéxicas de cidade que se recollen no proxecto de cidade Ferrol 2020 de Jose Manuel Rey Varela. A Xunta de Goberno Local, reunida este mediodía con carácter extraordinario, aprobou a adxudicación da reurbanización da rúa do Sol e a recuperación dos Xardíns de Herrera, rehabilitación dos baixos da Costa de Mella e mellora da comunicación e accesibilidade do Paseo do Túnel.

No que atinxe á reurbanización da rúa do Sol, a empresa “Acciona Infraestructuras S.A” se encargará da execución dun proxecto que permitirá a mellora integral do que é un dos principais viarios de acceso ao centro da cidade. Un total de 29 empresas presentaron ofertas para realizar desta intervención que ten un prazo de execución de cinco meses e un importe total de 799.879,85 euros (co 21% do IVE incluído), financiado con fondos europeos do Programa Urban Ferrol. Esta actuación desenvolverase por fases e afectará a todos os tramos desta rúa, entre a praza de España e a rúa Atocha. Neste senso, os traballos de mellora do pavimento darán comezo no treito comprendido entre as rúas Roi Xordo e Terra, xa que é o que se atopa con maior deterioro. A reurbanización completa da rúa do Sol resolverá de maneira definitiva os afundimentos e deficiencias que presenta este viario. Así, esta mellora integral suporá a substitución do actual empedrado por un pavimento máis acorde coa circulación rodada que diariamente soporta este viario; ademais da renovación da rede básica de servizos no último treito da rúa, situado entre Méndez Núñez e Atocha.

Costa de Mella

Por outra banda, o Goberno de Jose Manuel Rey tamén aprobou hoxe a adxudicación á empresa “UTE Costa de Mella” –formada por Extraco S.A e Prace Servizos e Obras S.A- das obras de reurbanización dos Xardíns de Herrera e a rehabilitación dos baixos da Costa de Mella así como da mellora da comunicación e da accesibilidade co Paseo do Túnel. A realización desta intervención contou con 19 ofertas durante o proceso de contratación do proxecto. O prazo de execución das obras será de 14 meses e o importe ascende a un total de 1.103.150,72 euros (IVE incluído), cofinanciado por fondos europeos do Urban.

Esta actuación permitirá mellorar a comunicación e a permeabilidade entre o conxunto histórico da Magdalena e Ferrol Vello, tal e como se contempla no Plan Especial de Ferrol Vello. As principais obras nos Xardíns de Herrera e nos baixos da Costa de Mella permitirán zonas axardinadas para o goce da cidadanía, recuperar as antigas escadas que comunicaban cos baixos de Mella e a praza do Carbón, así como a instalación dun ascensor panorámico. Ademais, os baixos da Costa de Mella rehabilitaranse para darlle uso de centro de interpretación da cidade histórica.

Neste caso, a intervención comezará pola recuperación dos xardíns no contorno de San Francisco, o que ademais de embelecer e poñer en valor o que é o principal miradoiro da cidade permitirá consolidar a estrutura e impermeabilizar a cuberta do local da Costa de Mella en que se emprazará o Centro de Interpretación da Cidade Histórica.

30 de setembro de 2014 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.