publicidade hoxe

O Festival “Sonamos Galicia” fundirá as raíces musicais galegas con Latinoamérica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCelanovaO CarballiñoOurenseOurense
A-
A+
Presentación do Festival Sonamos Galicia

Presentación do Festival Sonamos Galicia

O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación do Festival “Sonamos Galicia”, un evento musical que terá lugar os días 4, 5 e 7 de setembro en Ourense, Celanova e O Carballiño e que ten como obxectivo fundir a música de raíz galega e latinoamericana, promover o intercambio de artistas e fomentar a nosa cultura xunto co turismo termal da provincia de Ourense en Latinoamérica. Así o explicou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación no que estivo acompañado por José Antonio Viñas, director do festival e do grupo folclórico “Queixumes dos Pinos”; Rafael Luaña, representante do Grupo Caldaria, e Avelino Jácome, membro da organización.

“A finalidade do festival é achegarnos ás raíces da nosa cultura, que, da man da emigración galega a Latinoamérica, foi tamén unha cultura de ida e volta, a cal agora se enriquece tamén coa presenza de colectivos latinoamericanos en Galicia”, explicou José Antonio Viñas, quen destacou que este festival pretende tamén potenciar a nosa riqueza termal “pois os artistas galegos que no marco deste proxecto actúen en América promocionarán o turismo termal que ofrece a provincia de Ourense, co apoio do Grupo Caldaria”.

“Sonamos Galicia” é un proxecto integrado no Festival Internacional “Sonamos Latinoamérica”, que, co paso dos anos, tense consolidado como un dos espazos máis importantes para a difusión da música latinoamericana. Nesta edición –a primeira que se realiza en Europa e que terá como escenario a provincia de Ourense- participarán os grupos e solistas “Ensamble Canobo” (Colombia), “Gadaffi & Anna” (Perú), “El fuego de la semilla” (Arxentina), “El Saman ensamble” (Venezuela), Emilio Rúa (Ourense), e “Martín Blanes & Pablo” (Galicia). O certame desenvolverase no Parque Angelita Paradela de Ourense (día 4 de setembro), no Auditorio de Celanova (día 5), e clausurarase no Auditorio do Carballiño (día 7). Todas as actuacións comezarán ás 20.00 horas.

3 de setembro de 2014 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.