publicidade hoxe

O DOG publica a aprobación definitiva do PXOM de Entrimo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaEntrimoLocal PortadaOurense
A-
A+

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello ourensán de Entrimo. Esta vila, desde hoxe, únese á lista dos concellos galegos que contan cun planeamento adaptado á lei vixente, 78 en total en Galicia. Nos últimos cinco anos, aprobáronse un total de 43, dos cales 28 pertencen á provincia de Ourense.

Dende o Executivo autonómico destacase que, o PXOM de Entrimo é un plan xeral que mellora, amplía e perfecciona notablemente as posibilidades de crecemento do termo municipal que se viña rexendo por un Plan de Ordenación do Medio Rural aprobado en 2003.

O novo plan xeral clasifica máis do 98% (98,14%) da superficie total do municipio como Solo Rústico Protexido, a través de diversas categorías que garanten a preservación dos valores físicos e ambientais, como son: a protección Forestal, Agropecuaria, de Patrimonio e de Espazos Naturais neste caso cunha porcentaxe do 66%. Nestes espazos de notable valor concéntrase a parte do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés que pertence ao concello, o cal está integrado na Reserva Mundial de Biosfera Geres-Xurés.

O solo de núcleo rural define un 1,27% da superficie municipal (algo máis dun km2), onde se recoñecen 21 núcleos rurais, repartidos entre as cinco parroquias, dos cales 7 (Hospital, Outeiro, A Quintá, O Real, Lantemil, Queguas e Vilar) son tradicionais.

Neste senso cabe destacar que o PXOM recoñece a relevancia histórica e arquitectura popular dos núcleos rurais de Galez, Olellas, Queguas e Vilar, remitíndoos a redacción dun Plan Especial.

Composición

Sobre outros datos relativos ao proxecto de planeamento destaca o solo urbano, que se limita practicamente a un 0,52% (441.473 m2) da superficie municipal. A maior parte deste solo urbano é consolidado, onde se establecen específicas ordenanzas de aplicación para o núcleo antigo, residencial de intensidade media, residencial aberta e vivendas sociais.

Tamén, o documento contempla dous ámbitos como urbanizables de nova creación, un residencial de 6.555 m2 para completar o baleiro urbanístico que se producirá entre os terreos urbanos existentes ó oeste da estrada provincial OU-1212 e a futura vía de circunvalación de Terrachán proxectada no PXOM, e, outro non delimitado industrial de 46.591 m2 de superficie ó carón da estrada provincial OU-1211, para dar saída a demanda de solo industrial do municipio: empresas de pequeno tamaño do sector primario e servizos.

Cómpre resaltar que a capacidade residencial total establecida polo Plan Xeral é de 1.773 vivendas, das que un 85% (1.506) son as existentes e un 15% (267) as previstas para o futuro.

En relación ás dotacións, o plan xeral incrementa as previsións que marca a Lei no relativo a dotación de espazos libres e zonas verdes, que aumenta nun 11%, e de forma moi especial no que se refire a equipamento comunitario, que con máis de 207.830 m2, chega a incrementar nun 466% as esixencias que impón a normativa.

Novo marco

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que a evolución da situación urbanística de Galicia é unha mostra de que a vella concepción de que os plans xerais constituían un impedimento para o desenvolvemento dos concellos e un verdadeiro atranco para o seu crecemento. Na actualidade, ninguén pon en cuestión que unha axeitada planificación urbanística é unha verdadeira necesidade e unha garantía, non só para que os concellos evolucionen, senón que o fagan de forma racional, ordenada e respectuosa cos seus propios valores de hoxe e asegurando para o futuro os recursos económicos, ambientais, arquitectónicos e paisaxísticos que sosteñen e identifican aos seus habitantes.

Con ese convencemento, a Xunta de Galicia vén traballando dende o ano 2009 a través do apoio técnico e económico aos concellos (que no caso de Entrimo se traduce nunha axuda de 102.000 euros), para contribuír a promover a creación e posta ao día dos planeamentos municipais, e tamén para impulsar as melloras lexislativas e normativas que simplifiquen e faciliten o labor dos concellos para dotarse da súa propia planificación.

Nesa liña, concíbese un texto articulado para unha nova Lei do Solo de Galicia, que se está a ultimar, no que se trata de incorporar as suxestións e recomendación do Ditame dunha Comisión específica constituída no Parlamento de Galicia, na procura de consensuar un novo marco legal que achegue maior axilidade e simplifique o proceso de elaboración dos plans de ordenación municipal.

11 de setembro de 2014 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.