publicidade hoxe

O Congreso Galego de Bonsai mostrará en Val do Dubra árbores con máis de 200 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaVal do Dubra
A-
A+
Alberto Baleato xunto a un dos bonsais

Alberto Baleato xunto a un dos bonsais

Bembibre, capital do Concello de Val do Dubra, acollerá os días 4 e 5 de outubro o Congreso Galego de Bonsai 2014. Será durante ese fin de semana a capital galega do Bonsai. A esta cita para os amantes dunha arte nada en China fai máis de 2.000 anos, chegarán afeccionados de toda España. O congreso, organizado con apoio do Concello de Val do Dubra, acollerá unha exposición con máis de 50 árbores “de nivel”, segundo explica Alberto Baleato, o organizador e alma mater do Congreso. Algúns dos exemplares que poderán verse contan con máis de 200 anos de idade real e obtiveron premios nas feiras internacionais de referencia, como a Noelanders Trophy, que se celebra en Bélxica.

Alberto Baleato, enfermeiro de profesión e amante do Bonsai desde fai máis dunha década, viaxou a Xapón e Italia para aprender as técnicas desta arte. Agora pretenden facer de Val do Dubra, onde desde fai catro anos abriu unha tenda especializada, a capital de Galicia do Bonsai. Esta cita é a única que sobre este tema se celebra en Galicia. Nos anos 90 organizouse a última na Semana Verde de Silleda. E hai dous anos tamén se celebrou un congreso en Val do Dubra. O organizador deste evento confía en darlle continuidade cada dous anos a esta cita organizada en torno ao mundo do Bonsai. “Temos pouco diñeiro, pero moita ilusión”, asegura Alberto Baleato, quen aposta por situar a Bembibre no mapa do Bonsai en España. “Con este congreso tamén tratamos de dinamizar esta zona”, explica á vez que destaca o apoio do Concello de Val do Dubra. Segundo apunta, xa non quedan prazas hoteleiras en Bembibre para ese fin de semana. “E os restaurantes tamén teñen reservas”.

Segundo os datos que agora manexa, chegarán afeccionados de toda España. “Xa confirmaron a súa presenza xente de Cataluña, Andalucía, Castela-León….”. No Congreso Galego de Bonsai 2014 participarán 12 expertos tamén procedentes de diferentes puntos España e tamén de Portugal. Están organizadas demostracións de Luís Baliño, Jorge Campos, o Tim, Jordi Ugena, Catatim, Juan Liñares, Marcial Campos, Mario Eusebio, Raúl Gisbert, José Muñóz, Salvador de los Reyes e Viriato Oliveira.  A cita, que será no Pavillón Municipal de Bembibre, tamén ten previsto unha serie de actividades como exposicións de bonsai e suiseki, origami, taller de cerámica (rakú), kárate, cociña xaponesa, taller infantil de bonsai, mercadillo e, segundo indican os organizadores, “moito máis”.

25 de setembro de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.