publicidade hoxe

O Concello de Crecente aforrará anualmente máis de 10.200 euros tras mellorar a súa eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCrecentePontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá Crecente co obxectivo de comprobar as obras realizadas neste municipio a través da liña de axudas da Consellería de Economía e Industria e que teñen como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética dos concellos.

No encontro, o delegado territorial estivo acompañado da alcaldesa de Crecente, Marisol Gómez e do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

En concreto, as obras executadas en Crecente permitiron cambiar 156 puntos de luz por luminarias de sodio: 38 na parroquia de Albeos, 73 en Quintela e 45 en Figueira. Esta iniciativa permitirá a este concello aforrar anualmente máis de 10.200 euros no gasto de enerxía electrica. “Estes traballos supuxeron un investimento de 53.000 euros, dos cales case 47.000 foron subvencionados pola administración autonómica”, explicou Cores Tourís.

José Manuel Cores Tourís destacou os 200.000 euros de investimento que se desenvolverán nos concellos do Condado e A Paradanta en obras de mellora enerxética e dos que case 170.000 euros corresponderán a subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

En concreto, executaranse melloras en 15 instalacións e 544 puntos de luz dos concellos de A Cañiza, As Neves, Crecente e Melón, “o que permitirá aforrar neste entorno 130,12 toneladas de CO2 ao ano”. Ademais, segundo apuntou o delegado territorial, estas obras permitirán aforrar 200.176 kWH ao ano o que se traduce nun aforro económico estimado de 32.481,12 euros en 12 meses.

“A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, resolveu recentemente a convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior”, explicou Cores Tourís, engadindo que neste sentido, 32 concellos da provincia de Pontevedra, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.

Segundo apuntou o delegado territorial, a Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden a provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros a nivel galego. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.

Desde o 2009, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración, cun investimento superior aos 70 millóns de euros.

17 de setembro de 2014 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.