publicidade hoxe

O atraso das empresas de subministracións demora a construción da rotonda de Mabegondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

As obras de construción da rotonda de San Tirso de Mabegondo, na AC-542, levan días paradas. O motivo é que os traballos non poden avanzar mentres as empresas de subministracións non completen a canalización dos seus servizos.

En concreto, son as redes de electricidade e de telefonía as que requirían o soterramento e provocaron a demora na obra da glorieta. As primeiras xa están canalizadas, tendo en conta que Fenosa acaba de completar os traballos.

Agora faltan as segundas, competencia de Telefónica. O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, urxe á empresa a “acelerar ao máximo” a canalización para que a empresa que constrúe a rotonda “poida avanzar con normalidade”.

O rexedor explica que os traballos, que comezaron antes do verán, discorrían a bo ritmo, pero a lentitude das empresas subministradoras en acometer o seu parte obrigou a facer unha pausa na rotonda.

Ademais, este atraso coincide coas festas de San Tirso, que se celebrarán desde o sábado ao luns nas inmediacións do cruzamento. Por iso, o goberno municipal solicitou á Xunta de Galicia tomar as medidas oportunas para asegurar a zona da obra e garantir a seguridade dos asistentes aos festexos.

A asociación de veciños de San Tirso trasladou ao Concello o seu interese en poder usar o espazo diante do centro cultural O Salón, posto que se usa sempre nas festas. Para iso, sería necesario efectuar traballos de acondicionamento. O alcalde transmitiu á Xunta de Galicia esta petición con obxecto de que acorde coa asociación de veciños as medidas.

A actuación que se desenvolve en San Tirso consiste na creación da rotonda no cruzamento da AC-542 coa estrada provincial que leva ao acceso á autovía por unha banda, e a Oza dos Ríos polo outro. “É un cruzamento con gran intensidade de tráfico e a glorieta mellorará substancialmente a súa seguridade viaria”, apunta Santiso.

A Xunta de Galicia leva a cabo a obra cun orzamento de 232.000 euros. O Concello xa acordou coa Deputación lle renovación do firme desde a rotonda até o acceso á autovía para completar a mellora das infraestruturas da contorna.

2 de setembro de 2014 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.