publicidade hoxe

O armario social de Pazos de Borbén ábrese aos concellos de Soutomaior e Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPazos de BorbénRedondelaSoutomaior
A-
A+

O comezo do curso escolar é unha época especialmente difícil para as familias pola gran cantidade de gastos que implica, especialmente para as máis necesitadas.Por este motivo o Concello de Pazos de Borbén alcanzou un acordo cos concellos de Soutomaior e Redondela para que os seus veciños poidan colaborar e aproveitarse do seu “Armario social”.

No roupeiro atopamos pezas de todo tipo e talla, para home, muller, nenos, nenas e bebés, algunhas delas non foron estreadas e mesmo teñen a etiqueta. O armario social tamén dispón dalgúns pequenos electrodomésticos como cafeteras, yogurteras e calefactores, sen esquecer aveños tan solicitados e necesarios como o calzado, roupa de cama, bolsos, cadeiras de bebé e mesmo un berce de viaxe.

Toda a roupa está lavada, repasada e preparada para a súa entrega polos voluntarios que xestionan o armario. Cabe destacar que o Centro de Intercambio Social de Pazos de Borbén funciona grazas á solidariedade de varios veciños que contribúen desinteresadamente co seu tempo. Unha axuda que agradecen desde os tres Concellos nestes momentos tan delicados para a economía familiar.

As solicitudes deberán facerse a través do departamento de asuntos sociais de cada concello para asegurarse de que a roupa chega ás persoas que de verdade o necesitan e evitando así a súa posterior comercialización fraudulenta.

Xoguetes

Ademais de roupa, complementos e aveños de todo tipo, tamén está dispoñible un amplo catálogo de xoguetes para nenos de todas as idades. Moitos deles proveñen das xornadas de intercambio que se realizaron o nadal pasado no C.P.I. Curros Enríquez e outros centros da zona. Un evento que, se aínda quedan existencias, volverase a realizar este ano e no que os máis pequenos intercambian os seus xoguetes que xa non usan por outros procedentes do roupeiro social, fomentando así valores como a colaboración e a solidariedade entre os máis pequenos.

Os interesados en colaborar ou recibir máis información poderán facelo no número de teléfono 986497035 e a través dos servizos sociais dos respectivos concellos. Desde os Concellos de Pazos de Borbén, Soutomaior e Redondela agradecen a colaboración de todos aqueles veciños que contribúen a esta iniciativa coas súas doazóns.

8 de setembro de 2014 | 14:54 • 1 comentario

Só temos 1 comentario, anímate a opinar

» Comentarios RSS Feed
  1. Me gustaria colaborar, donde se hace la entrega de donaciones.