publicidade hoxe

Música antiga e contemporánea en Silleda e Esgos dentro do Ciclo Espazos Sonoros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioEsgosSilleda
A-
A+

A programación para esta fin de semana do ciclo Espazos Sonoros 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece rutas polo patrimonio e concertos de música antiga e contemporánea en espazos únicos dos concellos de Silleda e de Esgos.

O sábado 27 de setembro, o coro E Ultreia, unha das máis recoñecidas formacións corais galegas, especializada na interpretación de repertorios medievais e renacentistas, actuará ás 19 horas na igrexa da Nosa Señora dos Desamparados de Abades, nun concerto aberto e gratuíto. Previamente, Espazos Sonoros organizará unha xornada de lecer na que as persoas inscritas terán ocasión de percorrer diferentes elementos do patrimonio histórico, artístico e natural do contorno do santuario de Abades.

Ruta polo patrimonio de San Pedro de Rocas

Ao día seguinte, o domingo 28, este ciclo de música e patrimonio promovido pola Secretaría Xeral de Cultura viaxará ao concello ourensán de Esgos, onde a xornada comezará ás 15 horas no Centro de Interpretación da Ribeira Sacra. Ese será o lugar de encontro para que as persoas inscritas na actividades inicien unha ruta polo contorno natural que rodea o mosteiro de San Pedro de Rocas.

No marco dunha paraxe natural excepcional da Ribeira Sacra, San Pedro de Rocas é un dos conxuntos máis singulares e interesantes de Galicia e do contexto europeo desde o punto de vista non só histórico e artístico, senón tamén antropolóxico, xa que é mostra das orixes da vida monacal na Idade Media.

Concerto do grupo Skirion

O broche final desta xornada porao, ás 19 horas, o cuarteto Skirion, composto por catro mozos galegos: Alejandro Cimadevila, Jorge García, Alberto G. Noguerol e Marcos Mariño. Estes profesionais do saxofón, que se xuntaron en 2012, gravaron en xaneiro deste ano o seu primeiro traballo discográfico, ‘Recitation Book’, no que ofrecen un percorrido de grande alcance estilístico con obras de Bach, Maslanka, Paul Creston ou Granados. O programa do concerto en Esgos, aberto a todo o público, vertebrarase arredor da obra que lle dá título, do compositor contemporáneo David Maslanka, con claras influencias da música renacentista e barroca, que alternará con outras obras de autores barrocos.

Actuacións en espazos únicos

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, o ciclo de música e patrimonio Espazos Sonoros 2014, que dirixe Belén Bermejo, ofrece desde o 14 de setembro ata o 26 de outubro unha completa programación artística en espazos únicos das catro provincias galegas.

A próxima semana, o ciclo chegará, o 4 de outubro, a Betanzos, cun concerto na igrexa de Santa María do Azogue no que Mercedes Hernández e Fernando Reyes presentarán un programa integrado por motetes e cantos de autores europeos do século XVII. Ao día seguinte, o 5 de outubro, Espazos Sonoros viaxará ata Allariz, onde, ademais do concerto do grupo galego Doa, se programará unha ruta polo castro de Armeá e Santa Mariña de Augas Santas.

A programación artística de Espazos Sonoros complétana o poliédrico tenor italiano Marco Beasley, que estará o 11 de outubro no concello lucense de Pantón; unha proposta contemporánea escenográfica de Paula Quintas, Xoán-Xil López e Adriana Pazos, o 25 de outubro na localidade ourensá de Ribadavia; e Xoán Cluriel, que será o encargado de clausurar o ciclo cun concerto que ofrecerá o 26 de outubro no poboado mineiro de Fontao, no municipio pontevedrés de Vila de Cruces. Ademais, o ciclo propón para o 18 de outubro un obradoiro de achegamento á música antiga no pazo de Tor, en Monforte de Lemos.

26 de setembro de 2014 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.