publicidade hoxe

Meis aforrará anualmente uns 11.400 euros tras mellorar a súa eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeisPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Meis

Cores Tourís na visita a Meis

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Meis co obxectivo de comprobar as obras realizadas neste municipio a través da liña de axudas da Consellería de Economía e Industria e que teñen como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética dos municipios.

No encontro, o delegado territorial estivo acompañado do alcalde de Meis, José Luis Pérez Estévez, así como do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

En concreto, as obras executadas en Meis permitiron cambiar 97 puntos de luz por lámpadas led na parroquia de Paradela, onde o anterior sistema de acendido caería dun sistema de aforro que reducise o fluxo luminoso pola noite. “Agora, os novos equipos led dispoñen xa dun sistema de aforro que reducirá o consumo e o fluxo luminoso un 50% durante 11 horas ao día”, explicou Cores Tourís, engadindo que “estes traballos supuxeron un investimento de 60.000 euros, dos cales 51.000 foron subvencionados pola administración autonómica”.

Esta actuación no concello de Meis permitirá aforrar 62.884 kWH ao ano, o que se traduce nunha redución do gasto para o municipio de 11.396 euros. “Así, esta localidade deixará de emitir 40,87 toneladas ao ano de CO2”, explicou o delegado territorial, o que “equivale ao consumo de case 18 familias e a plantación de 2.043 árbores”.

José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita a este concello para destacar os máis de 538.000 euros de investimento que se desenvolverán nos concellos de Vilagarcía, Catoira, Ribadumia, Sanxenxo, Caldas de Reis, Pontecesures, Meaño, Meis e Poio en obras de mellora enerxética e que permitirán evitar a emisión á atmosfera de case 410 toneladas de CO2 ao ano, o que equivale a 20.465 árbores plantados.

En concreto, executaranse melloras en 14 instalacións e 978 puntos de luz destes municipio, o que permitiría aforrar 630.000 kWH ao ano o que se traduce nun aforro económico estimado de 96.500 euros en 12 meses.

“A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, resolveu recentemente a convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior”, explicou Cores Tourís, engadindo que neste sentido, 32 concellos da provincia de Pontevedra, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.

Segundo apuntou o delegado territorial, a Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden a provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros a nivel galego. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.

Desde o 2009, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración, cun investimento superior aos 70 millóns de euros.

25 de setembro de 2014 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.