publicidade hoxe

Medio Ambiente comeza a repoblación de anguía e salmón no río Tea ao seu paso por Mondariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMondariz
A-
A+
Reunión da directora de Conservación da Natureza e o alcalde de Mondariz. Foto: X. Crespo

Reunión da directora de Conservación da Natureza e o alcalde de Mondariz. Foto: X. Crespo

A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, confirmoulle esta mañá ao alcalde de Mondariz, Julio Alén, que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas procederá este mesmo mes á solta angulóns de anguía europea e pintos de salmón atlántico, no outono, para conseguir unha recuperación deste tramo do río Tea, onde o pasado 1 de agosto se produciu un vertido accidental de sosa cáustica.

A directora de Conservación mantivo unha reunión de traballo co rexedor municipal, na que lembrou que se trata dunha das medidas avanzadas pola conselleira de Medio Ambiente durante a súa visita á zona afectada.

As soltas programadas destes exemplares pretende potenciar a repoboación natural daquelas especies, polo que no mes de setembro se procederá á solta de 25.000 individuos de angulóns de anguía europea, uns 10 kg aproximadamente, procedentes da Piscifactoría de Carballedo.

No caso dos pintos de salmón, recoméndase que a solta se realice en outono, no momento en que comecen as primeiras choivas. En total, soltaranse 7.000 pintos da estación da Freixa, en Ponteareas. Tellado Barcia destacou que dadas as características do tramo, cunha gran conectividade con outros tributarios e co mar, facilitarán a recolonización nos vindeiros anos.

Tamén lle trasladou ao alcalde de Mondariz, que a empresa xa lle trasladou á Dirección Xeral de Conservación unha proposta que está pendente de análise sobre a adopción de medidas de reforzo da seguridade .

Informes

A directora de Conservación sinalou que no mes de agosto leváronse a cabo diversas análises para verificar a recuperación das especies que habitan no río Tea e determinar o momento propicio para realizar soltas programadas.

Así, un equipo especializado no estudo das comunidades de invertebrados fluviais, pertencente ao Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia realizou varias mostraxes, a última o 25 de agosto, co obxecto de analizar o efecto do vertido sobre os bentos (comunidade de fauna do fondo). En base a esta análise, a afección do vertido sobre os invertebrados non foi moi grave e a evolución é positiva incrementándose a abundancia en número de exemplares e constatándose unha recolonización e unha ocupación dos nichos baleiros.

3 de setembro de 2014 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.