publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Marín, Monterroso, Cerdedo e Lousame acollen esta semana as propostas de dinamización lingüística do ‘Falaredes’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoLousameMarínMonterrosoXuventude
A-
A+

O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, visitará esta semana as catro provincias galegas, ao levar dúas das súas propostas de lecer a cinco novas vilas.

A primeira será o exitoso concurso infantil Os Bolechas e o Sabichón, que tras o cheo absoluto acadado o pasado luns na vila pontevedresa de Marín, no marco da celebración das festas da Virxe do Porto, mañá fará as delicias dos nenos e nenas do municipio lucense de Monterroso (ás 18:00 h na Casa da Cultura), o sábado dos do pontevedrés de Cerdedo (ás 19:00 no Auditorio do Centro Cultural) e o domingo dos do coruñés de Lousame (ás 19:00 h no salón de actos da Casa da Cultura).

Quen tamén continúa coa súa xira polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco do FalaRedes 2014 é Os sons do vento que pasa, o concerto de fados en galego que este sábado deleitará a veciñanza da localidade ourensá de Sarreaus, ás 18:30 h no Centro de Desenvolvemento Rural O Viso.

Lecer de calidade no noso idioma

Con estas dúas propostas o programa busca promover o uso e a valoración positiva da lingua galega, especialmente entre a infancia e a mocidade, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma. Coma sempre, o acceso é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Dirixido aos nenos e nenas de 4 a 8 anos, no concurso os bonecos Braulio e Loli teñen que superar como líderes de senllos equipos unha serie de preguntas e probas moi divertidas, para o que contan coa axuda do público, convertendo a xente miúda en parte activa e protagonista do espectáculo dinamizador.

Pola súa banda, Os sons do vento que pasa achégalle ao público en xeral a música tradicional portuguesa a través do idioma propio de Galicia, nunha coidada actuación na que Gonçalo Guerreiro pon a voz e Dani Pais o acompañamento musical e dixital.

Próximas paradas

Tras as actuacións desta semana, Os Bolechas e o Sabichón seguirán coa súa xira, coa que ata finais de mes aínda farán parada nos concellos de Dodro, Castro Caldelas, O Barco de Valdeorras, Fisterra, Oroso, Bergondo, Sobrado e Mesía.

Tamén da man do FalaRedes 2014, o concerto de fados chegará ata decembro a un total de 36 vilas galegas adscritas á RDL, visitando proximamente Vilaboa e Campo Lameiro. Xa en outubro, será a veciñanza de Curtis, Bóveda, Noia, Lousame, Outes e Oleiros a que poderá deleitarse cos fados de Gonçalo Guerreiro, que en novembro soarán nos concellos de Verín, Foz e Cuntis, antes de despedirse en decembro na localidade coruñesa de Arzúa.

FalaRedes 2014

Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións gratuítas coas que reforzará a súa oferta de ocio na nosa lingua.

Completan a programación desta terceira edición do programa o concerto Toc Toc e a xincana Augalingua, que xa concluíron con grande éxito as súas respectivas xiras, e a obra de teatro infantil As fabas máxicas, que o próximo 19 de setembro tamén volverá a atoparse co público tras o descanso estival.

11 de setembro de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.